SEGUNDO A FRUGA

"Os 300 euros por vaca, unha esmola que non atallará a grave crise do sector"

[Imaxe: Raúl Hernández González] Unha vaca

Conversamos con Elías Somoza, coordinador do sector gandeiro da Fruga, para coñecer a impresión do sector ao redor dos 300 euros por vaca anunciados pola ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina. “Con esmola non funciona este país”, sinala o responsábel da organización, que insiste na necesidade de fixar un prezo de referencia para o leite.

No día de onte, a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, anunciou a concesión de axudas directas de 300 euros por cada vaca para as explotacións que vendan o leite por debaixo da rendibilidade. Esta medida, que segundo cálculos do Ministerio, beneficiaría entre 2.500 e 3.000 explotacións, non convence a Fruga. “Con esmolas non funcionamos neste país”, di Elías Somoza, coordinador do sector gandeiro da organización.

“O que está pasando é que ao Goberno se lle está indo das mans a crise do leite”, sinala o representante da Fruga, “porque a última reunión de Madrid non serviu para nada e porque as mobilizacións son cada vez maiores e máis fortes e implican non só gandeiros e gandeiras”. “A ministra trata de lavar a conciencia anunciando as esmolas, pero o que precisa o sector son prezos que cubran os custos de produción, como teñen noutras zonas do Estado”, afirma. A día de hoxe lembra que os gandeiros e gandeiras galegas cobran 7 céntimos menos por litro de leite que noutras autonomías.

"Sexan prezos mínimos ou orientativos, en Francia existen prezos de referencia para o leite"

Sobre as declaracións de García Tejerina nas que di que é “absolutamente falso” que o Goberno francés fixase un prezo para o leite, dado o impedimento das normas de competencia comunitarias, Somoza é tallante, “que non venda o tema de Francia, porque sexan prezos mínimos ou sexan prezos orientativos son sempre prezos de referencia para o leite”.

Pola outra banda, o coordinador do sector gandeiro da Fruga apunta que “se as leis da competencia non responden ou prohiben pactos, o Ministerio ten que modificalas, que ten capacidade para o facer”.

"Temos que ser hábiles á hora de formular as medidas de presión futuras"

En relación ás próximas mobilizacións do sector, Somoza sinala que “nestes momentos hai que ser hábiles á hora de formular as medidas de presión futuras”. “Non ten sentido adoptar medidas que poidan provocar a división no sector porque, de ser así, daríase a entender que non interesa que continúa o proceso de mobilizacións”, salienta, en alusión a unha posíbel folga de entregas.

Para a Fruga non é momento de acometer medidas que poidan liquidar o sector.