7 de cada 10 desprazamentos diarios en 2021 fixéronse en transporte privado

Retencións na AP-9, nas inmediacións de Vigo. (Foto: Nós Diario)
A mocidade é o grupo de idade que máis tende a desprazarse a pé

9,73% da poboación galega desprazouse ao seu lugar de traballo ou estudo en tren ou o autobús en 2021. Pola contra, algo máis de 73% dos desprazamentos diarios foron realizados en transporte privado, é dicir, en coche; unha porcentaxe que supera a media estatal que se sitúa en 62%. Así o recollen os datos da Enquisa de Características esenciais da Poboación e das Vivendas, elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), referida a 2021.

Cómpre lembrar que o transporte e a maquinaria móbil son responsábeis de 41% das emisións de gases de efecto invernadoiro, segundo un estudo do Observatorio Galego da Acción Climática. Este dato coincide co que aproxima a vogal de transporte da asociación ecoloxista Adega, Adela Figueroa, que engade que nesa cifra, as emisións do coche privado “teñen unha porcentaxe altísima”.

Ante esta situación, Figueroa expón a este xornal que os datos resultan “moi negativos, tanto a nivel ecolóxico como económico”. Ademais de “contribuír a danar a atmosfera que aspiramos”, que cada persoa use o seu coche para trasladarse de forma diaria “fai que perda diñeiro, e iso inflúe tanto na economía privada como na global”.

O aumento do uso do coche privado ten que ver, asegura, coas malas infraestruturas do transporte público, principalmente do servizo ferroviario. “Os autobuses, ao seren un negocio privado, cada vez funcionan mellor, pero o tren non”. Figueroa sostén ao respecto que a xente perdeu o costume de usar o transporte público e, polo tanto, “non coñecen os defectos que ten”.

Segundo o propio informe do INE, o grupo de idade que máis utiliza o transporte público é a mocidade (24,4%), mentres que nos outros grupos etarios a cifra sitúase perto de 5%. Ademais, a poboación galega de entre 16 e 30 anos é a que máis se despraza a pé. Con todo, Figueroa non pensa que este feito estea impulsado por un aumento da conciencia medioambiental das novas xeracións, senón máis ben pola incapacidade económica de acceder a un vehículo privado. 

O modelo de cidade afecta o uso que a súa poboación fai do transporte público ou privado. O estudo mostra que os habitantes de Pontevedra son os que máis camiñan (28,2%) e os da Coruña son os que usan máis transporte público -tren e autobús- (20,1%). Porén, Lugo e Ferrol presentan as porcentaxes máis altas do uso de coche con 66,9% e 70,3% respectivamente. “A xente debería andar máis; camiñar axuda á nosa saúde psíquica e física”, e cando non é posíbel, “o transporte público é fundamental”, conclúe Figueroa. Aliás, máis da metade da poboación galega non traballa ou estuda no concello no que reside, polo que unha gran parte (34%) ten que desprazarse cada día a outro municipio, próximo ou afastado.

Cidades compactas

O arquitecto urbanista Iago Lestegás sinala a Nós Diario que as cidades galegas están pouco preparadas para a mobilidade en bicicleta e sostén que “non hai unha boa rede ciclista”. Indica que é preciso analizar como se reparte a rede viaria. “Actualmente as vilas galegas están moi monopolizadas polos automóbiles, só hai prioridade peonil nos centros históricos". Para reducir o tráfico, Lestegás opina que as urbes deberían ser máis compactas para que "todo estea cerca" e evitar así os desprazamentos en coche.

A cidade do Lérez, a única que xa cumpre a lei de baixas emisións

Co comezo do ano tamén entrou en vigor a nova lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) para as cidades do Estado español. Na Galiza, Pontevedra é a única urbe que cumpre a día de hoxe estes requisitos. “Onde hai Gobernos que miran polo conxunto, as cousas funcionan mellor”, asegura Adela Figueroa. “Pontevedra é unha cidade amábel, paseábel, dirixida ás persoas [e non aos coches], onde a xente está de bo humor”. Pola contra, Ourense será a cidade que máis terá que adaptarse para cumprir a nova normativa. Entre outras cuestións, a nova lexislación de baixas emisións aplica diversas restricións a vehículos antigos para que poidan entrar nas cidades, o que afecta as sete urbes galegas, e cuxos requisitos Pontevedra xa cumpre.