60% da mocidade considera que os discursos racistas aumentaron nas aulas

Actividade relacionada co estudo de Agareso realizada nunha aula do IES Urbano Lugrís, da Coruña, o pasado mes de marzo (Foto: Agareso).
Un estudo de Agareso alerta do aumento do machismo e da xenofobia.

Faltan poucos días para o inicio do curso escolar, previsto para o 11 de setembro, e que as aulas inicien a súa actividade. Un dos aspectos que preocupan á colectividade educativa é a convivencia entre o alumnado, con varios temas abertos sen resolver.

Entre eles está o elevado nivel de racismo na secundaria que puxo en evidencia o recente estudo elaborado pola consultora Wayna e que deu a coñecer a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), e que foi realizado entre outono de 2022 e o último curso escolar. O informe contou coa participación de máis de 300 alumnas e alumnos de tres institutos de varios municipios e agárdase actualizalo este curso con dous traballos, un sobre a inmigración árabe e outro sobre os dereitos LGBT+. 

O resultado desta análise apunta a un “imaxinario social racista”, tal e como se define no documento. Nel, 60% da mocidade afirma que se incrementou o machismo e os discursos e actos racistas. A frecuencia coa que se empregan estereotipos é máis intensa ao falar da poboación de etnia xitana, escollendo tamén un maior número de palabras negativas ao caracterizala (como "ser conflitivas").

Pola contra, o estudantado consultado sinala, ao respecto "das persoas brancas", características persoais e sociais positivas ("son máis intelixentes e boas estudantes"). En relación á linguaxe , 23% emprega de maneira recorrente a palabra  "terrorismo" ao falar de persoas árabes e 31% do alumnado  relaciona  as mulleres latinas co termo "prostitución". 

A coordinadora do estudo, Sonia García, explica a Nós Diario, que estes datos son “alarmantes mais non sorprendentes, é o mesmo que temos na sociedade”. O feito de non contar con traballos anteriores sobre este tema impide saber cal é “o punto de partida”. Para García “o preocupante é que o alumnado non é consciente de que reciben mensaxes racistas”, por exemplo a través das redes sociais. “O ecosistema mediático antes era  sinxelo, agora nin nas familias hai conversas sobre isto: o TikTok é individual”, afirma. 

As barreiras económicas

A ONG Mestura leva vinte anos traballando coa poboación menor inmigrante en Culleredo e Cambre (comarca da Coruña) e Cerceda (comarca de Ordes), que inclúe acompañamento e seguimento na escolarización. Desde o inicio do curso escolar 22-23 esta ONG atendeu 40 menores de familias migrantes (orixinarias de Cuba, República Dominicana, Colombia, Venezuela, o Brasil, Perú, Uruguai, Marrocos, Nixeria, Albania e Ucraína) con experiencias de todo tipo e non todas positivas. 

Desde esta entidade, a psicóloga, Marta Saavedra, relata a Nós Diario súa experiencia en centros de Primaria. “Cando chegan teñen moitas barreiras, para comezar a lingüística e despois a cultural, mais non é tan grave como pode ser na secundaria, non hai tantos prexuízos”, indica esta profesional, “estes están, sobre todo, cando a súa familia é vulnerábel a nivel económico”, engade, "ese aspecto si marca moito as relacións que teñen lugar nas aulas".

Non acontece o mesmo na ESO, "que están máis illados" e precisan máis apoio. "Non me gusta a palabra, mais podería dicirse que nalgúns casos podemos falar de acoso", confirma Saavedra.

As dificultades do profesorado para actuar nas aulas

Pola experiencia da ONG Mestura e a que reuniu o estudo de Agareso en relación ao tratamento das situacións de racismo nas escolas, confirmaríase unha circunstancia difícil para o profesorado. “Relatan feitos moi preocupantes”, sinala Sonia Díaz, “aseguran que non teñen nin tempo nin ferramentas para facerlle fronte”, engade.

Unha consideración que se lles transmitiu pola súa parte é a idea de que “non hai máis racismo, mais si unha maior expresión pública, como que se pode presumir de ser racista nunha aula de secundaria”. Diante desta situación, o profesorado admite “que non sabe como actuar”. Díaz constatou que moito persoal de Educación “non está no mesmo centro máis de un ano polo que é difícil realizar proxectos que poidan solucionar de verdade este problema”.