56% das persoas pensionistas son pobres na Galiza

25,2% da poboación galega estaba en risco de pobreza. (Foto: Europa Press)

O colectivo de pensionistas é un dos máis golpeados pola pobreza na Galiza. Os últimos datos achegados pola Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social na Galiza (EAPN) certifican esta situación e sitúan os pensionistas galegos como os máis pobres do conxunto do Estado español.

O informe sobre O estado da pobreza na Galiza que acaba de presentar a Rede europea de loita contra a pobreza e a exclusión social na Galiza vén confirmar as tendencias apuntadas por anteriores traballos publicados nos últimos meses.

O documento sinala que “25,2% da poboación galega estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social no ano 2021” Na mesma liña, indica que “678.000 persoas residentes na Galiza están en risco de pobreza e/ou exclusión social”.

Ao tempo, afirma que se asiste a un proceso de feminización da pobreza tras incrementarse en 8.000 as mulleres en situación de exclusión en relación ao pasado exercicio.

356.299 pensionistas son pobres

A situación ten particular gravidade entre os pensionistas. Os datos de EAPN-Galiza destacan que “356.299 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre, 46,3% do total. 56,6% no caso das mulleres e 30,8% no dos homes”.

Segundo EAPN, considéranse pobres aquelas persoas cuns ingresos inferiores ao chamado limiar da pobreza, isto é, 60% por baixo da media da renda estatal equivalente en unidades de consumo, cifrada en 2021 en ingresos menores a 9.535 euros ao ano nun fogar de unha persoa, ou de menos de 20.024 euros ao ano nun fogar con dous adultos e dous menores.

Condicións de vida

EAPN-Galiza amósase particularmente preocupada polas condicións de vida das e dos pensionistas. A este respecto, defende “unha análise específica das condicións especiais da poboación maior de 65 anos”, porque “a gran maioría ten a pensión como único ingreso, por tanto, a súa situación de pobreza depende absolutamente de decisións políticas e en ningún caso do seu esforzo persoal”.

Neste sentido, lembra que “máis de 88% son pensións de xubilación e viuvez e para a gran maioría deste grupo as súas rendas están practicamente determinadas polo importe da pensión que reciben”.

O relatorio de EAPN-Galiza destaca que “Galiza ostenta a máis elevada porcentaxe do Estado de pensións por baixo do limiar de pobreza [46,3%], tanto para mulleres como para homes”. Asemade, sinala que “máis da metade das mulleres (56,6 %) teñen pensións con importes por baixo do limiar da pobreza e case un terzo dos homes (30,8%) están na mesma situación”, destacando que “se se consideran só as pensións de viuvez, 63,8% atópase nesta situación”.

Na mesma dirección, recorda que “a porcentaxe de pensións na Galiza baixo o nivel de pobreza é 10,8 puntos porcentuais máis elevado que a media estatal”.

As pensións na Galiza presentan diverxencias de carácter territorial, ligadas ás diversas especializacións produtivas do territorio. Neste sentido, en  Ourense as pensións por baixo do limiar da pobreza chegan a 54,1%, en Lugo a 53,9%, na Coruña a 43,6% e en Pontevedra a 42,7%. A este respecto, EAPN-Galiza indica que “destaca o caso de Ourense, que ten os datos máis altos de pensións con importes inferiores aos limiares de pobreza e pobreza severa non só da Galiza, senón do total de todas as provincias de España”.

Pobreza severa

A EAPN inclúe na categoría de pobreza severa aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% á media da renda estatal, unha cifra notabelmente inferior á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite.

Neste sentido, o limiar de renda utilizado no ano 2021 para considerar que un fogar está en pobreza severa é de menos de 530 euros mensuais para un fogar de unha persoa e de menos de 1.112 euros mensuais para un fogar de dúas persoas menores e dúas adultas.

162.355 pensionistas na pobreza severa

O colectivo de pensionistas na Galiza é moi vulnerábel. Segundo se recolle no informe de 10 de setembro de 2022, dado a coñecer esta semana por EAPN, 162.355 pensionistas galegas e galegos atópanse en situación de pobreza severa, salientando o relatorio que “atópanse nesta situación 39,2% das prestacións de viuvez, recibidas maioritariamente por mulleres”. Asemade, lembra que a Galiza é tamén a comunidade autónoma "cun maior índice de pensións por baixo do limiar da pobreza severa para ambos os sexos: 13,4% para os homes e 27,7% para as mulleres”.