Máis da metade dos fogares galegos dificilmente chegan a final de mes

Varias mulleres realizando a compra nun supermercado. (Foto: Europa Press)

Hai un ano 53,6% das familias galegas recoñecían que acababan o mes con dificultade ou moita dificultade. Esa porcentaxe aumentou agora até 55%.

55% das familias galegas dificilmente chegan a fin de mes. Son datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) da Enquisa coxuntural aos fogares primeiro trimestre de 2024. 45% dos fogares optan por  cualificar ese fin de mes como “con dificultade” e 9,9% “con moita dificultade”. A porcentaxe daqueles fogares que afirman que acaban o mes “con facilidade” ou “moita facilidade” sitúase en 45%.

Os datos melloran os rexistros do último trimestre de 2023 -daquela chegaban con dificultade ou moita dificultade  56%- , mais empeoran o interanual, é dicir, a comparativa co primeiro trimestre de 2023. Ao longo destes 12 meses, os fogares con dificultade ou moita dificultade pasaron de 53,8 a 55%.

Por tamaño de poboación, os fogares con máis dificultades para acabar o mes están nos concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes, onde representan 60% das familias. Pola contra, son naqueles concellos con máis de 50.000 habitantes onde se dá a maior porcentaxe de familias que rematan o mes con facilidade ou moita facilidade (47,5%).

En canto a tipoloxía do fogar, 68% das familias monoparentais acaban con dificultade o mes, o que acontece con 64% dos fogares unipersoais

Un de cada tres fogares apunta a que decidiu mudar os seus hábitos de compra mercando marcas brancas, produtos en oferta, etc... Case 20% das familias optaron por recortar gastos comúns, como roupa e calzado, transporte ou gas e electricidade.

Depender de prestacións

Cada vez en máis concellos galegos a principal fonte de renda dos seus veciños e veciñas son as prestacións sociais, nomeadamente as pensións por xubilación. E esta situación non fixo máis que agudizarse nos últimos anos: se en 2010 os municipios dentro desa categoría eran 86, con base nos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2021 —último ano contabilizado— eran xa 93. Nove máis, un incremento ao longo dunha década de 8%.

Ao tempo, descenden os municipios onde remuneración de persoas asalariadas é a principal fonte de renda. Eran 226 en 2010 e agora pasan a ser 220, seis menos. Hai dous concellos nos que nese período, 2010-2021, a súa principal fonte de renda son as mixtas, é dicir, a remuneración do traballo non asalariado. Son Portomarín (comarca de Lugo) e A Illa de Arousa (comarca do Salnés).

As familias que viven de prestacións sociais incrementáronse na última década en 8%. De feito, para 29% dos fogares as prestacións sociais son a súa única fonte de ingresos. E, último dato para completar unha fotografía da situación actual, segundo o Consello Económico e Social (CES), 25% da poboación galega atópase en risco de pobreza ou exclusión social.