50.956 hectáreas arderon na Galiza en 2022

Os equipos de extinción da Xunta da Galiza loitando contra o fogo na Serra do Xurés. (Foto: Europa Press)
A Galiza lidera a superficie queimada no Estado español nas dúas últimas décadas con 496.697 hectáreas calcinadas desde o ano 2000. Neste sentido, só entre o 1 de xaneiro e o 20 de agosto do exercicio de 2022 foron arrasadas polo fogo 50.956 hectáreas no país, nun dos veráns con máis incendios dos últimos anos.

O país segue a arder. Os últimos datos ofrecidos pola Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza apuntan a máis de 560 hectáreas queimadas no parque natural da Serra do Xurés, un dos espazos protexidos de máis interese ambiental e patrimonial emprazado nas terras raianas do suroeste ourensán. Precisamente, o fogo comezou a pasada cuarta feira na parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira, sen que os medios humanos e materiais da Xunta foran capaces de controlar as chamas até a tarde de onte.

Os lumes no Xurés

A área do Xurés é unha das máis afectadas da Galiza polos incendios nos últimos anos. Só entre 2016 e 2021 sufriu máis de 123 lumes que afectaron 42.000 hectáreas -36.000 de masas arboradas e 6.000 de monte raso-, das cales, perto de 9.000 hectáreas pertencían a zonas proexidas. Asemade, cinco destes lumes pasaron o limiar das 500 hectáreas, polo que foron considerados Grandes Incendios Forestais (GIF), un en Requiás, no concello de Entrimo, e o resto no concello de Lobios -dous na parroquia de Río Caldo e outros dous en San Paio de Arouso-.

A superficie queimada

A superficie queimada na Galiza ao longo deste ano sitúase en 50.956 hectáreas. A este respecto, os datos fornecidos polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, co que a Comisión Europea monitoriza todos os incendios de Europa, sinala que entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 20 de agosto de 2022 arderon no país un mínimo de 59.956 hectáreas. O sistema actúa detectando por satélite fogos activos, baseándose na diferenza de temperatura da superficie, polo que os incendios máis pequenos poden non reflectirse nos datos.

Os datos, recollidos por provincias, sinalan que as comarcas de Ourense foron as máis afectadas polo fogo, con 31.412 hectáreas ardidas este ano, representando 4,3% de extensión total de Ourense. A continuación situouse a provincia de Lugo, con 14.951 hectáreas ardidas, significando 1,5% da extensión total da provincia. A Coruña, con 2.692 hectáreas arrasadas polas chamas, representa 0,3% da extensión total desa provincia. En Pontevedra as 1.901 hectáreas ardidas representan 0,4% da extensión total desta circunscrición.

Un ano de moitos incendios forestais

A superficie calcinada nesta anualidade na Galiza é moi importante. A este respecto, a súa extensión é semellante a 72.793 campos de fútbol, a cinco veces a cidade de Vigo, e 14 veces a cidade da Coruña, sendo o total da extensión queimada 10.000 hectáreas inferior á cidade de Madrid. Sen ir máis lonxe, só a superficie queimada en Lugo é de maior dimensión que toda a cidade de Barcelona, equivalendo 22,7% da cidade de Madrid. Nesta dirección, o terreo arrasado polas chamas en Ourense representa unha área análoga a 44.844 campos de fútbol.

A Galiza é o segundo territorio do Estado español con máis superficie total queimada en 2022. Segundo a información achegada polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, na súas iniciais en inglés Effis, só rexistrou uns datos peores Castela e León, porén cunha superficie 69,6% superior á galega. Así, no que vai de ano viuse afectado polos lumes 1,72% do territorio galego, se ben ficaron sen recoller aqueles focos de menores dimensións, dada a tecnoloxía no sistema de control empregado pola Comisión Europea.

Os incendios non teñen un carácter conxuntural no país. Nesta liña, as cifras do Effis, indican que entre o 1 de xaneiro de 2000 e o 20 de agosto de 2022 arderon na Galiza 496.697.

Nesa dirección, a extensión afectada polo lume nas últimas dúas décadas na circunscrición de Ourense equivaleu a 39,6% do seu territorio total, isto é 283.674 hectáreas, situándose a continuación Pontevedra, con 19,2% da súa superficie e 85.386 hectáreas queimadas. Os fecha cancelas nesta caso foron as comarcas da área da Coruña con 74.730 hectáreas ardidas, 0,94% do total do territorio, e Lugo con 53.224 hectáreas ardidas, 0,54% do seu territorio total.

A Galiza, á cabeza do Estado en lumes

A Galiza lidera a superficie queimada no Estado español nas dúas últimas décadas. A este respecto, dadas as condicións meteorolóxicas desta anualidade, as previsións dos servizos de extinción do Goberno galego apuntan a unha continuidade dos lumes até o mes de outubro, polo que é de agardar o incremento da superficie queimada no que queda de ano.