Máis de 50% dos empregos da pesca a nivel estatal están na Galiza

Manuel Pérez, Antón Costas, Isabel Artime e Basilio Otero, esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
O relevo xeracional e a modernización da frota, retos do sector.

O relevo xeracional, a modernización da frota e a adaptación ás capacidades de pesca, mellorar a viabilidade e sustentabilidade, aumentar o consumo ou crear un sistema integrado de relacións laborais son algúns dos retos aos que se enfronta o sector pesqueiro, segundo un informe presentado onte en Vigo e elaborado polo Consello Económico e Social (CES).

O órgano consultivo redactou un documento, baixo o título Informe sobre a pesca, a acuicultura e a industria transformadora en España. Retos para a súa sustentabilidade, no que se fai unha análise da situación dun sector cuxa actividade caeu un 12,3% desde 2013 e que mantén algo máis de 66.000 empregos no Estado español, máis da metade na Galiza.

Nun escenario de cambio, condicionado pola reforma da Política Pesqueira Común, polas próximas eleccións europeas ou polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas, o informe pretende "servir de ferramenta para a toma de decisións e fomentar o diálogo e o consenso", segundo subliñou esta quinta feira o presidente do CES, Antón Costas, coa vista posta no equilibrio entre os obxectivos económicos e os sociais e ambientais.

Propostas de mellora

Entre as propostas expostas polo CES para afrontar os retos futuros, destacan a necesidade de facer unha "aposta decisiva" pola I+D+i; reforzar o financiamento alleo das empresas e facilitar o acceso a axudas; aumentar as campañas de promoción do consumo; fortalecer a internacionalización; ou reforzar o control das importacións de Estados terceiros.

O organismo tamén propón fomentar a participación equilibrada das mulleres, con medidas de conciliación e non discriminación; modernizar as frotas e mellorar a habitabilidade dos buques; así como mellorar a seguridade abordo.