As 5 chaves que debes saber da nova lei de residuos que entra en vigor

Recollida selectiva de residuos en Pontevedra (Foto: pontevedra.gal)
Esta quinta feira, 30 de xuño, entrou en vigor a nova normativa de tratamento de residuos.
  1. Responsabilidade sobre os residuos xerados
  2. Control dos residuos reutilizábeis
  3. As queimas agrarias, prohibidas
  4. Separacións de biorresiduos e aceites
  5. A aplicación da normativa non depende do tamaño dos concellos

A lei 7/2022, que estabelece a nova normativa sobre tratamento e xestión de residuos, entrou esta quinta feira, 30 de xuño, en vigor. Unha lei de obrigado cumprimento que afecta especialmente aos negocios. Desde institucións como a Deputación de Pontevedra xa están a levar a cabo campañas de divulgación para dar a coñecer as principais chaves desta nova lei. Mais, cales son esas chaves?

Responsabilidade sobre os residuos xerados

Desde hoxe mesmo, toda institución, negocio, comercio ou industria que xere residuos pasa a ser responsábel deles e debe acreditar documentalmente a súa correcta xestión.

É dicir, que os produtores singulares, teñan ou non facilidades para tratar os seus residuos por parte dos concellos, deben encargarse eles mesmos de cumprir coas obrigas de separación e responder ante posíbeis inspeccións.

Control dos residuos reutilizábeis

A segunda chave desta lei é que a nova normativa prohibe expresamente que todo aquel residuo que se poida aproveitar ou reutilizar sexa desbotado nun vertedoiro ou nunha planta incineradora. Deberá ser tratado de maneira que se poida levar a cabo todo o proceso de correcta reciclaxe e reutilización.

As queimas agrarias, prohibidas

Outra das novidades da lei 7/2022 é que estabelece a prohibición das queimas agrarias. O texto legal detalla que os residuos silvícolas xerados deben ser achegados como material para a terra, a compostaxe, ou a xeración de biogás.

Separacións de biorresiduos e aceites

A partir desta quinta feira pasa a ser obrigatorio para todo tipo de negocios, comercios e industrias a separación tanto de biorresiduos como de aceites usados, sen ningún tipo de excepción.

Neste sentido, a nova lei recolle a obriga de que o Goberno galego e os concellos realicen inspeccións e sancionen con elevadas multas. Estas inspeccións non comezarán este 30 de xuño, mais as institucións avisan que poden ter lugar en calquera momento.

A aplicación da normativa non depende do tamaño dos concellos

Estas chaves, que afectan a negocios e hostalaría galegas, non están vencelladas ao tamaño e poboación dos concellos, como outros aspectos que si afectan a particulares.