A Deputación de Pontevedra financiará máis de 50% dos custes da inspección de residuos dos Concellos

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, explicou nunha reunión con autoridades municipais esta terza feira, a aposta da institución por colaborar na posta en marcha do servizo de inspección de residuos nos Concellos.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra explicou na terza feira os detalles dos investimentos en inspección de residuos. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera O vicepresidente da Deputación de Pontevedra explicou na terza feira os detalles dos investimentos en inspección de residuos. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra vai asumir máis de 50% do custe da posta en marcha da inspección de residuos dos Concellos que se adhiran ao corpo de control do Revitaliza. Así o asegurou na terza feira o vicepresidente, César Mosquera (BNG), nunha reunión de traballo con representantes locais, na que anunciou ademais que os municipios que cumpran e avancen nos obxectivos de reciclaxe beneficiaranse tamén de máis bonificacións acumulativas sobre a axuda básica.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSdeG), sinalou que esta iniciativa permitirá “aproveitar todo o positivo da transformación que se vai dar na xestión de residuos". Pola súa parte, Mosquera explicou que a inspección do servizo de residuos é unha obriga legal incluída na nova lexislación e subliñou que “ademais está demostrado que é a única maneira de poder cumprir os obxectivos de reciclaxe”. 

O vicepresidente explicou que a Deputación farase cargo da totalidade do financiamento da inspección neste 2022, do 60% no exercicio de 2023; e do 25% en 2024. Por sumarse ao Servizo de Inspección antes do 31 de xullo de 2022 os gobernos locais terán 10% máis de bonificación (70% no 2023 e 35% no 2024 e seguintes); outro 15% por acadar os obxectivos fixados na normativa en canto a preparación para a reutilización e reciclaxe; e igual porcentaxe de bonificación que de avance na medida que se vaian dando pasos para conseguir os obxectivos aínda que non se cumpran. Todas as primas serán acumulativas.

O máximo de custe por habitante e ano será de tres euros, do que os Concellos só pagarían unha pequena parte. Prevese que o corpo administrativo alcance un profesional de inspección por cada 20.000 habitantes, cun total de entre 12 e 14. “Estamos diante dun bo servizo. Non hai inspección desta potencia en todo o Estado”, salientou Mosquera, quen destacou que “igual que co Revitaliza fomos pioneiros porque non había antecedentes, con isto tamén agardamos abrir camiño e abrilo ben”. 

Para plasmar xuridicamente a colaboración entre Deputación e Concellos -mediante encomenda de xestión- asinaranse convenios bilaterais. Unha vez en marcha administrativamente, o calendario de inicio de actividade do corpo administrativo incluirá unha formación inicial do persoal para despois comezar unha fase de sensibilización dos xeradores de residuos, pasar a controis anunciados e finalmente xa facer controis e inspeccións por sorpresa.

O obxecto das inspeccións serán os xeradores de residuos “non domiciliares” (institucións, centros educativos e sanitarios, comercios, restauración, centros asistenciais...) e as instalación fixas do sistema municipal (punto limpo, puntos verdes, plantas de compostaxe municipais e similares), quedando excluídas a recollida e transporte a planta supramunicipal.

Mosquera insistiu en que o obxectivo do corpo de inspección é mellorar e ordenar a xestión dos residuos e obter unha cultura de cumprimento nos xeradores de lixo sen obxectivo de recadación. “As sancións ingresaríanas os Concellos, pero que ningún Concello pense que vai financiar o servizo coas sancións. Haberá ingresos pero non para tanto”, advertiu. 

Polo de agora están adheridos á proposta de participar no novo corpo de inspección da Deputación os Concellos de A Lama, Barro e Poio na comarca de Pontevedra; Meaño, Meis e Vilagarcía no Salnés; Bueu, Cangas e Moaña como mancomunidade no Morrazo; Valga na comarca de Caldas; Baiona e Gondomar no Val Miñor; Mondariz Balneario, Ponteareas, e Salvaterra no Condado-Paradanta; O Rosal e Tomiño no Baixo Miño; Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Salceda na área de Vigo; e Silleda no Deza-Tabeirós. Asistiron á reunión para informarse representantes do Grove, Tui ou Ribadumia, entre outros.

Obxectivos 

Segundo destacou Mosquera, a nova normativa de residuos abandona definitivamente o “buenismo”, a suposición de que mediante campañas de sensibilización e iniciativas puntuais se vai obter un tratamento correcto dos residuos. “Supérase a fase de voluntariedade para pasar á fase de obrigatoriedade. Polo tanto, pásase a una nova fase. Sensibilización si, pero cuns obxectivos numéricos, cuantitativos, claros, ben definidos e, o máis relevante, de obrigado cumprimento”, insistiu.

Os residuos municipais destinados á reutilización e a reciclaxe das fraccións (papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos ) debían alcanzar, no seu conxunto, 50% en peso no ano 2020, 55% no ano 2025, 60% no ano 2030 e 65% no ano 2035. Haberá sancións polos incumprimentos dos obxectivos e cada Concello por si mesmo, salvo modificacións da Xunta, terá que cumprir os obxectivos concretos.

O vicepresidente lembrou que a Deputación inxectará recursos “en boa cantidade” para material e instalacións que incidan na xestión de residuos, pero subliñou que “estarán condicionados á aprobación da Ordenanza de Servizo e á existencia de Inspección real”, xa ben propia de cada Concello ou da Deputación co Revitaliza. “Concentraremos os esforzos nos Concellos que decidan cumprir. Todas as nosas actuacións estarán dirixidas a axudar aos Concellos a cumprir obxectivos”, finalizou.

Finalmente, Mosquera anunciou que a Deputación xa ten organizada unha viaxe a Catalunya para dar a coñecer aos Concellos da Deputación de Pontevedra o sistema de recollida de residuos porta a porta e a fórmula de agrocompostaxe pola que está a apostar a Generalitat de Catalunya. Será a última semana de maio e a Deputación correrá cos gastos de viaxe, aloxamento e manutención das persoas designadas polos Concellos interesados.
 

Comentarios