Enquisa do CIS: case a metade dos homes afirman sentirse "discriminados" polas políticas de igualdade

35,5% dos homes cre que hai desigualdades entre homes e mulleres no Estado español. (Foto: Nós Diario)
Sobre a afirmación "critícase máis a unha muller cunha vida sexual activa que a un home", un 87,2% das mulleres están de acordo con iso e un 76,2% de homes tamén. A enquisa tamén mostra que 84,9% dos enquisados cre que pagar por manter relacións sexuais é máis propio dos homes, e o mesmo ocorre coa pornografía (66,5%).

Case un de cada dous homes (44,1%) e unha de cada tres mulleres (32,5%) cre que, coas políticas de igualdade actuais, os homes están a ser "discriminados". En concreto están "moi ou bastante de acordo" con que "se chegou tan lonxe na promoción da igualdade das mulleres que agora se está discriminando aos homes". Con todo, esta afirmación é considerada falsa por 65,5% das mulleres. Así o poñen de manifesto os resultados da enquisa Percepcións sobre a igualdade entre homes e mulleres e estereotipos de xénero, do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), publicados esta segunda feira. O CIS realizou 4.005 entrevistas —2.013 a mulleres e 1.992 a homes— a persoas residentes no Estado español de 16 anos e máis, entre o 6 e o 14 de novembro de 2023.

Os resultados reflicten que 81,2% das mulleres asegura que "non lograrán a igualdade a menos que os homes tamén loiten polos dereitos das mulleres", a pesar de que a cifra baixa até 74,2% entre os homes que tamén o pensan. Neste senso, sinalan que 25% das mulleres e 14,3% dos homes afirma sentir "moita simpatía" polo movemento feminista, mentres que o 10% das mulleres e o 15% dos homes indica que non ten "ningunha simpatía". En total, hai unha porcentaxe maior que mostra sentir simpatía por organizacións LGTBI (77,4%), que polo movemento feminista (73,3%).

Tamén mostra que 35,5% dos homes cre que hai desigualdades entre homes e mulleres no Estado español, fronte ao 47,8% das mulleres. Con todo, ambos consideran que esas diferenzas son actualmente "menores" que hai dez anos.

Pornografía e prostitución, máis propias dos homes

Sobre a afirmación "critícase máis a unha muller cunha vida sexual activa que a un home", un 87,2% das mulleres están de acordo con iso e un 76,2% de homes tamén. Ao falar de gabanzas, 49,5% dos homes cre que "sempre é agradábel recibir unha", e a cifra baixa ao 35,7% ao preguntar ás mulleres; de feito, un 60,5% delas están en contra desta afirmación.

A enquisa tamén mostra que 84,9% dos enquisados cre que pagar por manter relacións sexuais é máis propio dos homes, e o mesmo ocorre coa pornografía (66,5%). Igualmente, sinala que 26,4% das mulleres "a miúdo" pasou medo volvendo soa a casa de noite e que en 23,7% dos casos un home quixo explicarlle "algunha cousa" asumindo que non a sabía.

Ademais, 49,2% dos homes escoitou comentarios sexistas por parte de amigos ou familiares, e a cifra é parecida entre as mulleres (45,6%). Un 13,8% das mulleres asegura que presenciou como un home acosaba sexualmente unha muller e un 8,1% dos homes tamén. En canto á discriminación por razón de sexo no traballo, un 9,7% das mulleres afirma presencialo e un 5,4% dos homes tamén o asegura.

Precisamente, ao preguntar sobre algúns aspectos como os salarios, ascenso no traballo ou o acceso a postos de responsabilidade nas empresas, é notábel a diferenza de opinións entre ambos os sexos. Para 67,8% das mulleres é peor a situación que teñen as mozas para acceder a un posto de responsabilidade e opinan o mesmo 50,9% dos homes, quen, por outra parte, tamén aseguran en 39,7% dos casos que as mulleres teñen as mesmas oportunidades.

Á hora de conciliar a vida laboral e familiar, 72,5% das mulleres asegura que elas teñen máis dificultades, e 58,5% dos homes comparte que as mulleres son as prexudicadas á hora de compaxinar ambas as actividades. Aliás, 78,1% das mulleres está de acordo coa afirmación "as mulleres teñen que esforzarse máis que os homes para demostrar que poden desempeñar o mesmo posto de traballo". A porcentaxe baixa 26 puntos cando preguntamos aos homes, pois 51,8% están de acordo e 46,3% negan que sexa así.

Nesta mesma liña, a enquisa pregunta sobre a posibilidade de que os homes se acollan ao permiso de paternidade de 16 semanas para coidar o seu fillo ou filla, unha medida que aproba máis de 90% das persoas enquisadas.

Repartición de tarefas non equitativa

En canto á repartición de tarefas, nun día laborábel as mulleres dedican máis tempo ás tarefas do fogar —limpar, cociñar, facer a compra, etc.— que os homes: elas ocupan 172 minutos —case 3 horas— de media ao día e eles 126,76 minutos —2 horas—. Pero ao preguntar polo coidado dos fillos durante un día laborábel a distancia entre ambos os sexos aumenta, mentres as mulleres dedican 412,25 minutos —6,7 horas— aos seus fillos, eles ocupan uns 228,88 minutos —3,7 horas— do seu tempo.

Ao preguntar polo coidado de persoas dependentes o tempo iguálase, aínda que as mulleres dedican máis tempo —364,69 minutos, unhas 6 horas— que os homes —314,11 minutos, unhas 5 horas—.