40 colectivos convocan unha manifestación o vindeiro 6 de novembro para exixir "unha CRTVG ao servizo do pobo"

Rolda de prensa na que se convocou a manifestación. (Foto: Nós Diario)
Asociacións de todo o país desenvolverán actos previos nas sete cidades.

40 colectivos políticos, sociais e culturais da Galiza anunciaron esta cuarta feira unha manifestación, que decorrerá en Santiago de Compostela o vindeiro 6 de novembro, para exixir “unha CRTVG ao servizo do pobo”.

As entidades convocantes desta mobilización aseguran que o Goberno de Alberto Núñez Feixoo primeiro e de Alfonso Rueda despois mantén “secuestradas” a radio e a televisión públicas do país, “antepondo os intereses do PP aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público”.

Neste sentido, os colectivos chaman a “saír ao rescate dos seus medios e manifestan a súa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública que difunda contidos destinados a garantir a cultura e a lingua galega, a independencia e a veracidade da información, o pluralismo, a cohesión social e territorial, a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, como a igualdade e a non discriminación, e a calidade da propia democracia”.

Os representantes dos colectivos que participaron na presentación da mobilización fixeron lectura dun manifesto que recolle as principais demandas que trasladan ao Executivo galego.

Peticións das entidades convocantes

Entre as peticións dos colectivos, destaca a demanda dunha programación que preste “especial atención” á infancia e á mocidade; que promova e defenda a identidade, a cultura e a lingua propias da Galiza; que cumpra a súa función estratéxica como “motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente”; e que “erradique dunha vez por todas” a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.

Por outra parte, as entidades instan as Administracións galegas ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación por unha maioría cualificada do Parlamento dun novo director xeral que substitúa Alfonso Sánchez Izquierdo.

Precisamente, as convocantes da manifestación acusan Sánchez Izquierdo de ser designado “a dedo hai 13 anos” por Feixoo, e cualifícano como “expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público”.

Finalmente, tamén anunciaron un calendario de actos previos para levar a cabo a promoción da manifestación, como concentracións nas sete principais cidades do país nas vindeiras semanas para dar a coñecer a “problemática que atravesan os medios e a necesidade de dar unha resposta conxunta como sociedade”.