40 anos do 'Carrabouxo' nunha exposición en Santiago de Compostela

Xosé Lois González, O Carrabouxo (Foto: Nós Diario).
Na apertura da exposición estará presente o propio Xosé Lois González Vázquez, ‘O Carrabouxo’, que realizará unha pequena visita guiada á súa exposición, responderá ás preguntas dos asistentes e asinará as publicacións da súa obra que cada quen leve da súa casa.

Organizada por Galiza Cultura, federación da que forma parte a Asociación Cultural O Galo, esta terza feira, 5 de decembro inaugúrase en Compostela a exposición 40 anos do Carrabouxo.

Será no Centro Sociocultural O Ensanche ás 19.30 horas. A mostra, que poderá visitarse até o 5 de xaneiro, percorre catro décadas da obra deste humorista, a través de viñetas seleccionadas por el mesmo, desde 1982 até 2022.

Na apertura da exposición estará presente o propio Xosé Lois González Vázquez, ‘O Carrabouxo’, que realizará unha pequena visita guiada á súa exposición, responderá ás preguntas dos asistentes e asinará as publicacións da súa obra que cada quen leve da súa casa.

O artista

Xosé Lois pasou a súa infancia en Osmo (Cenlle), até que aos dez anos muda para Chantada. Estudou na universidade laboral de Zamora e fixo a carreira de telecomunicacións en Alcalá de Henares.

Traballou como xefe de Telecomunicacións en Ourense até a súa xubilación en 2009, labor que compartía coa súa faceta de humorista gráfico. Foi membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense e presidente deste colectivo durante 13 anos.

Colabora con regularidade nos xornais La Región e tamén na revista Tempos Novos e o semanario A Nosa Terra, coa publicación de viñetas do Carrabouxo, personaxe co que comparte o pseudónimo.

Publicou numerosos libros e recibiu a Medalla Castelao en 2008 e no 2013 o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritoras e Escritores en Ligua Galega (AELG).