371.637 persoas emigraron da Galiza desde 2009

Na emigración atópase unha das chaves da perda de poboación. (Foto: Nós Diario).
A emigración é a principal responsábel da continuada e acusada perda de poboación da Galiza. Os datos oficiais sinalan que entre 2009 e 2021 abandonaron o país 371.637 persoas, 38% delas eran menores de 29 anos. Nesta tendencia, sitúanse as cifras referidas ao pasado exercicio e que vén de publicar o Goberno do Estado.

23.812 galegos e galegas emigraron en 2021. Segundo os datos achegados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), 16.104 persoas deixaron Galiza con destino a diversos puntos do Estado español, asentándose 3.487 en Madrid, 2.384 en Catalunya, 1.709 en Canarias e 1.592 a Castela e León. Ao tempo, 7.708 galegos puxeron rumbo a outras partes do mundo, estabelecéndose na súa práctica totalidade nos destinos tradicionais da emigración galega en Europa.

A emigración incrementouse en relación co ano da pandemia. Así, en 2020, marcharon da Galiza en dirección a outras partes do Estado español 14.862 persoas, fixando a súa residencia en Madrid 3.130, en Catalunya, 1.878 e en Andalucía, 1.708. Pola súa parte, 6.139 galegas e galegos abandonaron o país para estabelecerse fóra do Estado español, situándose como principais destinos Suíza e os Estados da Unión Europea.  

Un total de 371.637  persoas abandonaron Galiza desde 2009. As cifras recollidas no histórico Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistraron, entre 2009 e 2021, 243.971 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 121.623 a outras partes mundo. Unha mostra do alcance do fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período, supera os residentes de cada unha das sete cidades galegas, a poboación total da provincia de Lugo, con 327.847 habitantes en 2020, ou de Ourense, con 306.802 persoas nesa anualidade.

Menores de 29 anos

Ademais, 38% dos emigrantes galegos deste período eran menores de 29 anos. A este respecto, o economista e colaborador de Nós Diario Joam Romero sinala que “o discurso oficial agocha esta sangría aducindo un saldo migratorio positivo, que, na maioría, supón o retorno de ondas migratorias precedentes”. “38% do total dos que marcharon son menores de 29 anos”, continúa Romero quen cualifica a situación como “un verdadeiro éxodo xuvenil que expulsa talento, capacidade para promover iniciativas produtivas e prexudica o consumo interno”.

 A emigración das últimas décadas partillou os destinos do éxodo galego da segunda metade do século XX. Así, a 31 de decembro de 2021 residían no Estado español 337.984 galegas e galegos, atopándose a principal colectividade en Madrid, con 78.401 persoas, seguida de Catalunya con 60.058, e situándose a unha significativa distancia Euskadi, con 39.044, Canarias, con 23.158 e Castela e León, con 22.976 Neste sentido, ao longo do século XXI gañou forza como foco de atracción Madrid, fenómeno reflectido na baixa media de idade da emigración galega á capital de España e advertido en diversas investigacións elaboradas nos últimos anos.

As tendencias repítense para a emigración europea, representando a 31 de xullo de 2020 93.886 persoas. Suíza contaba con 33.440 cidadáns galegos, situándose a continuación Francia con 17.013, seguida de Alemaña con 14.842, Reino Unido con 13.097, Portugal con 3.648, Países Baixos con 3.162, Bélxica con 2.395 e Andorra con 2.392.

A emigración a Europa recibiu un importante impulso a partir de 2008, colocándose por riba das 10.000 persoas cada ano a partir de 2013 e manténdose nesas cifras até 2018. Ao tempo, a partir de 2016 evidenciouse un proceso de retorno á Galiza dunha parte desa poboación, porén segue sendo unha cifra pequena e formada maiormente por poboación en idade non activa.

A emigración da últimas década presenta características diferentes ás anteriores. Así, a Galiza expulsou residentes nunha etapa recesiva do ciclo económico internacional, momento noutras épocas históricas de retorno de emigrantes e que explicou as alzas de poboación nos anos 30, após o crack do 29, ou nos primeiros anos 80, tras o estoupido da crise do petróleo de 1973.

A emigración xuvenil

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Isidro Dubert destaca que “a diferenza dos que partiron en 1950-1975 ou en 1860-1930, xa non son labregos que só saber ler e escribir, pois canda menos un de cada dous ten estudos medios ou superiores”. 

“Esta nova vaga migratoria de mozos e mozas, cuxa partida asume formas acordes cos novos tempos, tamén constitúe unha importante e inestimábel perda de capital humano”, conclúe Dubert.

Un estudo  elaborado por Alberto Vaquero, Sara Fernández, Luís Espada e Victor Martínez certifica que “en 2011, 10% dos titulados superiores galegos entre 25 e 34 anos residían fóra do país”.