Saúde

Unhas 3.000 persoas menores de 65 anos teñen Alzheimer: "É un número moi importante que nos obriga a estar alerta"

Acto polo Día do Alzheimer desenvolvido o ano pasado en Compostela. (Foto: Federación Alzhéimer Galicia)
Nesta quinta feira, Día Mundial do Alzheimer, lémbrase que esta enfermidade é a forma máis común de demencia. Segundo a OMS representa entre 60% e 70% dos casos diagnosticados, que cada día se contan por miles. Un novo cada tres segundos.

Polo baixo, as cifras de demencia na Galiza afectan unhas 80.000 persoas. Cada ano identifícanse 6.000 casos novos de Alzheimer, unha doenza social cun impacto "demoledor" nas familias e que non deixa de crecer. "O Alzheimer é unha demencia dexenerativa que atinxe unha de cada 10 persoas maiores de 65 anos, o que non significa que non afecte a poboación menor desa idade", precisa a neuróloga Rosa Rodríguez, responsábel da consulta monográfica de demencia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Na Galiza estímase que hai uns 3.000 pacientes de Alzheimer menores de 65 anos, perto de 1.500 de entre 30 e 59 anos e case 2.000 de entre 60 e 64 anos. "É un número moi importante de xente moza, en idade laboral, con responsabilidades familiares... que nos obriga a estar alerta. Os cambios na memoria son o primeiro síntoma, pero moitas veces sono alteracións na conduta ou cambios na personalidade, no carácter".

Prestar atención a estas mudanzas pode ser decisivo. O diagnóstico precoz é cada vez máis frecuente. "A divulgación e o coñecemento son maiores, pero queda moito por facer neste sentido", advirte Rodríguez, quen pon o foco na prevención dos factores de risco vascular.

Coidar o cerebro

"A vida sa, unha dieta adecuada, evitar hábitos tóxicos, o adestramento físico e cognitivo é fundamental. Coidar o cerebro é algo que podemos asimilar a coidar o corazón, e é importante para axudar a evitar outras lesións que poden contribuír a que o empeoramento sexa anterior ou máis rápido".

Polo que se refire ao tratamento, a loita contra o Alzheimer apóiase hoxe en dous tipos de fármacos: os antialzheimer, que intentan paliar o déficit de neurotransmisores, "que frean a evolución pero non curan a enfermidade", e outros destinados a controlar síntomas asociados á doenza como "excitación, depresión, deambulación errática...".

Os cambios na memoria son o primeiro síntoma, pero moitas veces sono alteracións na conduta ou cambios na personalidade, no carácter

Canda a estes, a neuróloga destaca un terceiro grupo de medicamentos pendente de aprobación en Europa, os antiamiloide, "que demostraron eficacia á hora de varrer o amiloide, unha proteína que se deposita no cerebro máis de 30 anos antes de que aparezan os síntomas. Abre un futuro esperanzador para unha actuación precoz, diminuíndo a perda funcional dos pacientes, mais non para todos os casos e si cos seus efectos secundarios".

O que é fundamental e para todos os doentes Alzheimer  é o tratamento non farmacolóxico que atenden en gran medida asociacións como Afaor en Ourense. Mayara Estevam, educadora social, explica a Nós Diario que a actividade que realizan vai dirixida ás persoas enfermas pero tamén ás súas familias, que soportan máis de 80% dos custos e coidados.

Estimulación e descanso

"Temos talleres de prevención para quen non ten un diagnóstico pero si certa preocupación ou sintomatoloxía, e talleres de estimulación cognitiva para as persoas afectadas". Traballan en grupo a memoria, a linguaxe, afastando o illamento e a apatía que xera esta demencia, di. "O obxectivo é prolongar todas as súa capacidades e habilidades básicas, para que a persoa non desconecte da súa identidade".

A Asociación de Famliares de Enfermos de Alzheimer de Ourense conta, ademais, cun centro de día para cando a enfermidade avanza e as pacientes requiren estimulación pero tamén descanso.

A atención integral das persoas con demencia e da súa contorna guia o traballo desta entidade desde 1995, que na actualidade realiza unha media de 300 intervencións anuais. "En toda actividade o que procuramos é que a persoa se sinta acompañada". O factor grupo ten un papel esencial, recalaca Estevam, ao iagual que o xogo, fío codutor de moitas terapias non farmacolóxicas.

"Rescatamos a esencia do xogo: logro, motivación, equipo, participación; pero tamén botamaos man da conversa, da lectura, da escrita para manter a persoas conectada á realidade. Tan importante como o que e como se fai".

Con motivo do día do Alzheimer, este 21 de setembro, Afaor, ao igual que outras asociacións de familiares e pacientes con Alzheimer da Galiza, amplía a súa presenza con mesas informativas itinerantes pola súa área de influencia ademais de organizar canda o persoal do CHUO unha charla sobre xadrez social e terapéutico previa a un torneo que terá lugar no hospital esta sexta feira, 22 de setembro.