Opinión

Alzhéimer, ese que o borra todo

Pronto será o día mundial do alzhéimer, a forma máis común de demencia entre as persoas maiores. A demencia é unha patoloxía que consiste na dexeneración das células cerebrais que afecta gravemente ás capacidades da persoa, impedindo que poida levar a cabo as actividades diarias.

O comezo da enfermidade é lento e afecta primeiro á memoria, ao pensamento e á linguaxe de forma sutil. A persoa pode ter dificultades para recordar feitos recentes ou nomes de persoas. Co tempo, os síntomas fanse máis evidentes e xa non son simples esquecementos; poden comezar a non recoñecer á súa familia, ter dificultades para falar, ler ou escribir. Paulatinamente, perden capacidades para realizar actividades da vida diaria e deixan de realizar a secuencia motora de movementos como os da marcha, o aseo, a mastigación, a deglutición ou a articulación das palabras. Pode mudar o seu carácter e rematan sendo dependentes totais doutra persoa que exerza de coidadora.

A idade de inicio desta doenza atópase ao redor dos 60 anos, aínda que hai casos de persoas con menos idade que presentan síntomas e a progresión tende a ser máis rápida. O risco de padecer a enfermidade aumenta coa idade e parece ter certa filiación familiar, sendo máis probable a aparición en persoas con familiares que tamén a sufriran.

O diagnóstico lévase a cabo mediante a realización de probas de imaxe cerebral por parte de neuroloxía que indicarán a localización da dexeneración cerebral, e polo tanto o tipo de demencia. Non existe un tratamento específico para o alzhéimer como tal, senón que determinados fármacos poden impedir o empeoramento dos síntomas durante un período de tempo, pero máis tarde ou máis cedo a progresión da enfermidade resta capacidades a quen a padece.

A figura da logopeda nesta doenza terá relevancia en dous eidos: a deglutición e a estimulación lingüística e cognitiva; sendo dende o meu punto de vista máis relevante na deglutición e concretamente na prevención, diagnóstico e tratamento da disfaxia, que aparecerá en todos os casos. O traballo sobre esta función orofacial atrasará os atragoamentos e unha das maiores causas de morte nas persoas con alzhéimer e outras demencias: a pneumonía aspirativa. A persoa, pola dexeneración cerebral, non desencadeará,o mecanismo de protección da vía aérea durante a inxesta en fases medias e avanzadas, nin terá un mecanismo de tose eficaz polo que, a logopeda, ademais de traballar coa persoa afectada, deberá incidir na educación familiar para estar atentas a indicativos de aspiración de alimento (líquido ou sólido) cara á vía aérea.

A estimulación cognitiva e da linguaxe realizarase sobre todo en etapas iniciais para que as dificultades tanto a nivel de memoria como de pensamento e na fala sexan menos incapacitantes. A intervención sobre estes aspectos debe facerse tendo en conta a fatiga. Pode ser un traballo difícil pola falta de conciencia sobre as limitacións ou pola falta de tolerancia á frustración ante os erros. Hai que ter en conta que o traballo será "paliativo" e feito como tentativa de atrasar o empeoramento dos síntomas.

En definitiva, a logopeda buscará mellorar a calidade de vida para a persoa con alzhéimer e servirá de apoio para a familia que moitas veces poden verse sobrepasada pola situación. A persoa con alzhéimer chegará un momento no que non sufrirá polo que pasa pero para a familia, ver como a túa ou o teu familiar vai perdendo capacidades fai que pouco a pouco se vaia esvaendo tamén a imaxe que tiñas desa persoa, só queda a casca. Recordo como meus avós se foron apagando e miraban con aqueles ollos baleiros, como se todo se borrase; como sorrían de forma infantil, sen saber quen era eu; como miraban os obxectos sen saber que facer con eles; como nas últimas etapas miraban ao baleiro coma se buscasen dentro de si a razón de seguir con vida ou como, cos ollos sempre pechados esperaban o irremediable final dos días. Quero pensar que a experiencia persoal axuda a afrontar a parte profesional e creo que o labor da logopeda pode marcar a diferenza para o paciente e a familia.

Comentarios