30% do total das parcelas rústicas galegas son de propietario descoñecido

As plantacións forestais están reducindo a superficie agraria na Galiza. (Foto: Nós Diario)
A lei de terras do PP tenta recuperar agora parte da política agraria do bipartito 

O complexo agrario galego precisa aumentar a súa base territorial. Malia que a superficie agraria útil (SAU) representa unha cuarta parte do territorio total da Galiza, o 28% do conxunto das fincas -11 millóns de parcelas rústicas pertencentes a 1,6 millóns de propietarios, cunha media de 6,6 predios por cabeza e unha dimensión moi próxima a 2.500 metros cadrados de extensión-, representa a metade da media da Unión Europea, onde as terras agrarias traballadas alcanzan en moitos Estados máis de 50% do seu territorio.

A superficie agraria útil non deixou de diminuír desde a integración do Estado español na Unión Europea. Así o demostran os datos oficiais fornecidos polo Ministerio de Agricultura. Na última enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galiza perdeu nos últimos 30 anos 88.643 hectáreas para actividade agraria, o que significa unha caída de 12,5% en relación ao ano 1987. Naquela altura, a Galiza contaba con 710.514 hectáreas de superficie agraria útil e con un total de 227.359 explotacións cunha base territorial de 3,12 hectáreas, fronte a 612.143 hectáreas de SAU e 79.994 explotacións cunha base territorial de 8,29 hectáreas do ano 2016.

Plan de recuperación da terra agraria 

A falla de base territorial é un dos principais problemas que enfronta o sector agrícola no territorio galego. Deste modo, por exemplo, mentres as explotacións leiteiras no conxunto europeo ten ao seu dispor unha extensión de aproximadamente 40 hectáreas, a superficie das granxas galegas preséntase moi inferior, o que provoca unha desvantaxe comparativa como consecuencia da alza dos custos de produción. Precisamente, a maior dependencia de pensos ou do mercado de forraxes provoca que as explotacións galegas deban destinar o 55% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais.

O proxecto de Lei de recuperación da terra agraria da Galiza responde á idea de reverter esta situación. A iniciativa impulsada polo Goberno galego e presentada no Parlamento polo Partido Popular, xa foi adiantada a comezos de decembro de 2020, nunha comparecencia conxunta despois dun Consello da Xunta, polo presidente, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Medio Rural, José González. No mesmo texto lexislativo proponse como resposta á demanda de base territorial “nunha zona agrupando unha superficie mínima” a figura dos “polígonos agroforestais”, cuxa extensión vai ser diferente en función das comarcas e da participación voluntaria nos mesmos.

As organizacións sindicais agrarias advirten de que o proceso de abandono das terras non se resolve unicamente lexislando e require de vontade política e financiamento, destacando que nas contas galegas para 2021 non se recollen partidas para este fin. Ao tempo, desde o Goberno galego salientan a complexidade técnica do proceso en marcha, exemplificado no gran número de parcelas de natureza rústica de propietario descoñecido, que segundo os datos da Consellaría de Medio Rural representan o 30% do total existente.

O banco de terras

O proxecto de Lei de recuperación da terra agraria da Galiza propón volver activar o Banco de Terras, un instrumento posto en marcha pola Consellaría de Medio Rural, do Goberno bipartito, dirixida por Alfredo Suárez Canal e que o Partido Popular converteu na campaña das eleccións galegas de 2009 en albo central das súas críticas, chegando a cualificalo como “unha sovietización encuberta” e unha vía para privar a cidadanía da propiedade das súas terras.

Porén, 11 anos despois os populares defenden na súa proposta lexislativa “reforzar o papel do Banco de Terras” como “instrumento público de intermediación na mobilización da terra agraria”, definíndoo como “figura fundamental para o desenvolvemento dos novos instrumentos de recuperación da terra agraria”.