As organizacións agrarias denuncian a falta de transparencia da Lei de terras

As organizacións agrarias na Galiza souberon polos medios de comunicación a proposta de nova Lei de recuperación de terra agraria. Denuncian falta de transparencia na súa elaboración e, nalgúns casos, preocupación por unha norma que rexirá o futuro próximo do noso rural.   
Paisaxe en Terra de Montes (Nós Diario)
photo_camera Paisaxe en Terra de Montes (Nós Diario)

O anuncio a pasada quinta feira por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, da nova Lei de recuperación da terra agraria está a ser valorada polas organizacións agrarias entre a cautela e a preocupación.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), asegura descoñecer a nova lei "máis alá do que publica a prensa", mesmo nas hectáreas que estarán afectadas. "Somos proactivos en todas as ferramentas legais e fiscais que mobilicen terra", indica a Nós Diario, polo que son partidarios de "todas as medidas que incentiven pór terra para quen continúe na actividade e que penalice fiscalmente as terras paradas". 

Tampouco desde a Federación Rural Galega (Fruga) coñecen o documento "nin o orzamento co que contará", segundo Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros desta organización. 

Falta de transparencia de medio rural

García insiste en saber "que terras son" as que entran nesta nova lei "porque onde hai moitas terras non hai moitos agricultores e gandeiros, mais onde hai quen as traballa non hai terras a disposición". Neste sentido, asegura que "nin nós nin os grupos parlamentarios dispuxemos do texto articulado, máis alá de anuncios por parte do conselleiro". En todo caso, afirma que "o único límite é garantir o dereito á propiedade privada". 

Para o Sindicato Labrego Galego (SLG), a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, asegura a Nós Diario que é importante lembrar que "as fincas teñen propietaria ou propietario" polo que "primeiro ten que haber unha ordenación do territorio e unha protección da terra agraria para producir alimentos, conservar a diversidade e manter unha economía ao servizo da poboación" e non "deixala nas mans de catro empresas".

Mal funcionamento do Banco de terras 

Na Fruga lamentan que a Xunta "leve desde 2009 cunha ferramenta, como era o Banco de terras, paralizada". Para Somoza "chega tarde" neste tema e en todo este tempo "aproveitouse para aumentar a forestación das explotacións para favorecer certas industrias galegas".

Desde o SLG  lembran que na anterior lexislatura había "tres anos de agarda" para as persoas que solicitaran unha finca. "Agora din que hai que agardar un ano, algo que nos parece moito para unha xestión sinxela que non implica infraestrutura algunha", asegura Vilalba, polo que, afirma, "dá unha idea da falta de interese que hai nesta materia". Botan de menos desde esta organización "información para que a mocidade acceda, dándolles garantías". Denuncian que o grande orzamento e o incremento de persoal "non se empregou para o seu mellor funcionamento, senón para o que denominaron ‘plans piloto’, que sempre estaban vencellados a grandes extensións de terras".

Alén diso, Vilaba denuncia que houbo "desinterese por forestacións ilegais de terras agrarias", polo que pensa que a dinámica da Xunta "é contraria a protexer a terra agraria e colocala a disposición das persoas que queiran facer un proxecto con ela".

Investimentos en grandes proxectos

Outra das preocupacións do SLG é o anuncio dos "polígonos agroforestais" que relaciona coa proposta de Feixoo de investir 950 millóns de euros dos agardados fondos europeos para fomentar o emprego da viscosa a partir de cultivos forestais. "Son para especies de crecemento rápido, do estilo do eucalipto, polo que aínda nos preocupa máis polas súas características negativas", relata a dirixente do SLG. Neste sentido, critica o apoio a grandes proxectos industriais como a planta de Teixeiro, "que se nutre de ter moito cultivo forestal" facilitándolles grandes extensións de terreo "de montes veciñais ou propiedades particulares malia ter un impacto bestial no territorio".

Comentarios