30% das alumnas da UVigo reciben por Instagram imaxes sexuais non desexadas

Teresa Piñeiro (UDC) e Xabier Martínez Rolán (UVigo), coordinadores do estudo. (Foto: UVigo)
Un estudo realizado pola Uvigo certifica que arredor de 30% das súas estudantes reciben imaxes sexuais non desexadas a través da rede social Instagram.

Case 30% das alumnas da Universidade de Vigo (UVigo) reciben de maneira frecuente imaxes non demandadas con contido sexual a través da rede social Instagram, fronte a 18% dos alumnos.

Esta é unha das conclusións dun estudo coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación, Xabier Martínez Rolán, e pola investigadora da Universidade da Coruña, Teresa Piñeiro, desenvolvido no marco da Cátedra Feminismos 4.0, que impulsan a institución académica e a Deputación de Pontevedra

O proxecto 'Toxicidade e violencias machistas en Instagram' levouse a cabo a partir dunha enquisa realizada a máis de 600 estudantes dos tres campus, e permitiu constatar que máis de 50% do alumnado sufriu situacións de acoso nesta rede social, aínda que só 17% o denunciaron. 

Violencia normalizada

Segundo destacou Martínez Rolán, "a principal conclusión é a normalización da violencia". Unha violencia que padecen en maior medida e de maneira máis recorrente as mozas da institución. 

Case a metade delas recoñeceu recibir imaxes sexuais explícitas, e a porcentaxe é de 28% no caso de alumnas que din recibilas de maneira "frecuente ou moi frecuente". 

Da mesma maneira, son elas as que teñen que afrontarse en maior medida ás "mensaxes insistentes" por parte de persoas ás que non responden ou rexeitan, e 9% admitiron  sufrir acoso sexual pola rede social Instagram.

Máis dun terzo do estudantado enquisado din sentirse nalgún momento "ofendidos, humillados, intimidados, acosados ou agredidos en Instagram", e que son as alumnas as que sofren esta violencia de maneira "frecuente ou moi frecuente", en maior medida que os varóns.