26% da poboación galega supera os 64 anos de idade

María Xosé Rodríguez, Lara Méndez, Alfredo García, Manuel Pérez e Xoán Vázquez. (Foto:CES).
A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, presentaron onte en Compostela o informe Cohesión socioterritorial e despoboamento na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, da autoría de Antón Dopico Rodríguez e de María Xosé Rodríguez Galdo, que dá conta da problemática demográfica da Galiza e do norte de Potugal. 

O estudo promovido polo Eixo Atlántico sinala que en 2020 o 25,4% da poboación galega superaba os 64 anos. Neste punto, estabelece variacións nestas porcentaxes tomando de referencia a división provincial e destaca que 31,5% da poboación de Ourense e 29,2% da luguesa é maior de 64 anos. Neste sentido, os galegos e galegas incluídas nesa faixa de idade superan a media da Unión Europea, situada en 20,6% e, tamén a media do Estado español (19,6%).

Os últimos datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos a 2022, son aínda mais preocupantes. Os mesmos indican que 26,1% de todas as persoas residentes na Galiza son maiores de 64 anos, chegando en Lugo esta cifra a 29,9% e en Ourense a 31,3%. Na mesma dirección, os números da Galiza continúan por encima da media estatal en 6,9 puntos e da media comunitaria en 5,7 puntos.

Os galegos e as galegas de máis de 64 anos viven maioritariamente en fogares compostos unicamente por persoas dese grupo de idade, cos concellos de Ourense aparecendo como os de maior taxa. Até 54,7% dos maiores de 65 anos viven sós, mentres 40% residen coa súa parella sen fillos. Só 5,2% contan cun fogar doutro tipo.

As perspectivas de futuro non son mellores. Nesta liña, as últimas proxeccións demográficas elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e presentadas no pasado mes de maio avanzan que en 2037 até 32,4% da poboación galega superará os 64 anos. Porén, a evolución da media de idade das persoas residentes na Galiza indican que as cifras do INE poderían ficar curtas.

Os residentes na Galiza maiores de 64 anos superan en 167% a poboación menor de 20. Ademais, a poboación nesta última faixa de idade non supera 12% da veciñanza en 264 concellos. Ao tempo, as persoas en idade de xubilación superan ás menores de 30 en 233 concellos galegos, significando 40% do número total de residentes en 78 localidades e conseguen máis de 50% nalgúns municipios da área oriental do país.

Vázquez Mao

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, apunta a Nós Diario que “cando falamos de reto demográfico estamos falando dun problema de cohesión territorial que afecta toda Galiza e non só as provincias de Lugo e Ourense”. Neste punto asevera, que “as cidades galegas non están preparadas para acoller todo o éxodo interno”.

Vázquez Mao explica que “o problema demográfico é tamén un problema de ordenación territorial”. Nesta liña, denuncia que “unha das eivas é a falta de conexión entre as diversas partes da Galiza, polo que se precisa falar menos e facer máis”.

A este respecto, explica o relatorio da súa entidade como “unha proposta para facer, porque xa abonda de estudos”.