53 persoas faleceron na Galiza en xaneiro por causa do frío ou a calor

"A primeira vaga de calor ou de frío leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", apunta Julio Díaz. (Foto: Arxina)

No mesmo período de 2023 perderon a vida por estas causas 149 persoas.

53 persoas perderon a vida na Galiza entre 1 e de xaneiro e 1 de febreiro por causas “atribuíbeis á temperatura”, cifra que está por baixo das rexistradas nese mesmo período en 2023 (foron 149) ou en 2022 (61 persoas).

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade. 

Desde principio de 2024 até 1 de febreiro perderon a vida como consecuencia dunhas temperaturas por baixo ou por riba do normal 53 persoas, das que a maioría eran homes (107). A maioría das persoas falecidas por estas circunstancias tiñan máis de 65 anos de idade (33).

A mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor ou por conxelación. O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo explica Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático e Saúde do Instituto de Saúde Carlos III. A consecuencia máis extrema é a morte.

"A primeira vaga de calor ou de frío leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". A mortaldade como consecuencia das vagas de calor é cada vez máis preocupante.

As vagas de calor de especial intensidade son un fenómeno cada vez máis recorrente na Galiza e no mundo. Un estudo publicado na revista científica 'Nature Communication' explora a evolución destes eventos extremos no presente e no futuro en 748 localidades ao redor do globo, incluídas Lugo, Ourense e A Coruña. A cidade das Burgas é especialmente vulnerábel ao quecemento global.