2021, o ano de Greenalia e da expansión eólica na Costa da Morte

O parque eólico de Ourol entrou en funcionamento hai dous meses da man de Greenalia, compañía da ex conselleira Beatriz Mato (Foto: Greenalia).
A empresa de Beatriz Mato obtivo a autorización administrativa previa para instalar 109 novos megawatts.

Greenalia obtivo ao longo do presente ano a autorización para construír tres novos parques eólicos na Costa da Morte, un dos territorios nos que as renovábeis teñen alcanzado un maior desenvolvemento nas últimas décadas. Deste modo, a enerxética coruñesa aumenta a súa carteira de enerxía 'verde' a 183,9 MW.

Segundo o recente informe presentado pola Asociación Empresarial Eólica, a patronal do sector, a Galiza fechou 2020 con 186 parques eólicos en funcionamento e unha potencia instalada de perto de catro xigawatts (XW) e que permitiu xerar 9.993 xigawatts/hora (XWh), 40,7% da enerxía eléctrica total producida no país.

A esta potencia cómpre sumar os 28,1 megawatts (MW) cos que Greenalia aumentou este ano a súa carteira de renovábeis, a través dos parques eólicos Monte Tourado —tres aeroxeradores e 10,4 MW—, Alto da Croa —dous muíños e 7,3 MW— e Alto da Croa II —tres e 10,4 MW—, todos eles situados en Dumbría e Vimianzo. Greenalia ten hoxe operativos cinco parques eólicos que suman unha potencia instalada de 74,6 MW.

Aliás, nos últimos doce meses o Goberno galego outorgoulle as autorizacións administrativas previas para os proxectos Bustelo —dez turbinas e 49,5 MW—, Campelo —once e 40 MW— e Monte Toural —catro e 19,8 MW—, nos concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba, o que posibilitou que a compañía aumentase en 246% a potencia instalada.

Todos estes proxectos, sumados ao parque O Picoto —promovido por Cortizo Eólicas en Arteixo, composto por un aeroxerador de 3 MW—, incrementan en 140,4 os megawatts instalados nos municipios da Costa da Morte.

Este territorio contaba previamente con 34 parques eólicos en funcionamento e unha potencia superior aos 200 MW. E hai outra vintena de proxectos en distintas fases de tramitación a través da Xunta e do Goberno estatal.

En 2021, por outra parte, o Executivo de Alberto Núñez Feixoo concedeu a aprobación inicial aos proxectos eólicos Airas, en Alfoz e Mondoñedo, e Prado Vello, en Chantada e Taboada. O primeiro impúlsao Fergo Galiza Vento e prevé a instalación de seis muíños que sumarían 23,4 MW; o segundo, promovido por Breotecnia, erguerá tres turbinas de 9 MW.

A Asociación Eólica da Galiza (EGA) considera "insuficiente" a potencia instalada no país até o momento e insta a Xunta a suspender a moratoria e sumar "400 ou 500 MW anuais".

Con todo, cómpre lembrar que a Galiza exporta na actualidade 30% da enerxía eléctrica que produce, e tres de cada catro megawatts —75,6%— proceden de fontes renovábeis, cumprindo, deste modo, o obxectivo fixado en 74% de cara ao 2030 no Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec). No conxunto do Estado, a enerxía 'verde' supón hoxe 43,6% do total.

Sete declaracións de impacto emitidas

Noutra orde, a Consellaría de Medio Ambiente emitiu en 2021 sete declaracións de impacto ambiental (DIA) para tres proxectos de Norvento —Acibal, 12 MW; Farrapa II, 20 MW; Monte Tourado, 21 MW, e Outes, 34,65 MW—, así como para outros tres parques presentados por pequenas compañías.

37% dos parques en trámite presentáronse após o anuncio da moratoria

Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, anunciou o pasado 20 de outubro a imposición dunha moratoria aos novos proxectos eólicos que entrará en vigor mañá e ficará activa até xullo de 2023. Unha moratoria, porén, que exclúe os proxectos que o Goberno considere "vertebradores do territorio" e non afecta os perto de 200 parques que xa está a tramitar, 57 deles presentados ao longo de 2021.

A enerxética coruñesa Greenalia, de cuxo consello de administración forma parte a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, foi a que solicitou máis proxectos no último ano, dez, seguida da madrileña Green Capital Power, con nove, e Naturgy, con oito.

Cómpre salientar que 21 proxectos —37%— iniciaron a tramitación nos dous meses e medio que transcorreron desde o anuncio da moratoria. Os 36 restantes presentáronse entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro.

Por outra parte, Green Capital solicitou este ano outros sete parques eólicos a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco); Greenalia, cinco; Volantis Renovables, catro; a norueguesa Statkraft, dous; Enel Green Power, un, e Iberdrola, os dous parques mariños que pretende situar nas costas coruñesa e mariñá, alén do que proxecta nas Fragas do Eume.