As dúas opcións que estuda Sanidade para quen xa recibiu a primeira dose de AstraZeneca

Punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela (Foto: Arxina).

Recibir unha segunda dose doutra vacina ou ficar sen segunda inxección.

A decisión de suspender a vacina AstraZeneca para as persoas de menos de 60 anos colleu por sorpresa a poboación mais preocupa especialmente naquelas persoas que xa recibiron a primeira dose desta vacina. O estado español adquiriu 12.232.200 doses desta vacina, aínda que por agora recibíronse e entregado ás comunidades autónomas 3.232.200 dose, das cales se administraron 2.154.772. Ademais, 2.154.675 persoas recibiron polo menos unha dose e apenas 97 as dúas.

Así pois, miles de galegos e galegas xa foron inxectados coa primeira dose de AstraZeneca. E que pasa agora? Pois o Ministerio de Sanidade baralla dous escenarios: inocular a segunda dose cunha vacina diferente ou manter cunha única dose, pois ten 70% de eficacia

A ministra de Sanidade, Carolina  Darias, pediu "tranquilidade" á poboación, especialmente ás persoas menores de 60 anos ás que se lle administrou unha dose da vacina contra o coronavirus desenvolta por  AstraZeneca, porque "hai tempo" para poder adoptar a "mellor decisión" sobre como  inocular a segunda dose.

"Tranquilidade"

Darias pronunciouse así durante unha visita a Base Aérea de Torrexón de Ardoz (Madrid) e despois de que o pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ( CISNS) decidise suspender a vacinación con esta vacina nas persoas menores de 60 anos, tras o novo informe da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) que sinalaba que existe unha "posíbel relación" entre esta vacina e os  coágulos sanguíneos con niveis baixos de plaquetas.

"Pido tranquilidade coa segunda dose porque hai tempo. Até principios de maio non se vai a producir o intervalo entre a primeira e a segunda, polo que estamos a traballar no marco europeo e no relatorio de vacinas para ver que posibilidades hai", sinalou a ministra.