A vacina AstraZeneca suspéndese para menores de 60 anos

A decisión alterará o calendario de vacinacións. Ministerio e comunidades autónomas acordan manter a vacinación con este fármaco a persoas entre 60 e 65 anos. 

 

Desde hoxe a vacina AstraZeneca só se administrará a persoas maiores de 60 anos. Así o acordaron na noite desta cuarta feira o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas no Consello Interterritorial. 

A decisión chega despois de que a Axencia Europea do Medicamento comunicara o posíbel vencello entre os casos de trombos e a vacina da farmaceútica anglosueca.

No Estado español hai máis de 2 millóns de persoas vacinadas con AstraZeneca. SEguriá a se administrar ás persoas entre 60 e 65 anos e o Consello acordou deixar en mans da Comisión de Saúde Pública a decisión de ampliala até os 69 anos.

A finais da semana pasada anunciábase que Galiza ía recibir unha nova remesa do fármaco anglosueco, composto por 58.000 doses.

Primeira dose

E que pasa coas persoas que recibiron unha primeira dose desta vacina? Os Gobernos manexan dous escenarios. O primeiro, administrar esa segunda dose doutra vacina. O segundo escenario, non poñer esa segunda inxección pois coa primeira dose garántese unha eficacia do 70%.

O comité de seguridade da Axencia Europea do Medicamento ( EMA, polas súas siglas en inglés) concluíu esta cuarta feira que existe unha "posíbel relación" entre a vacina de AstraZeneca contra a Covid-19 e os coágulos sanguíneos con niveis baixos de plaquetas.

Por iso, estableceu que estes acontecementos adversos deben figurar na lista de efectos secundarios "moi raros" da vacina. Iso si, tamén defendeu que os beneficios de se vacinar eran maiores que os riscos.

A xefa do Comité de Avaliación da  EMA, Sabine Straus, sinala que se rexistraron 18 mortes entre os casos de tromboses comunicados, 169 cerebrais e 59 abdominais, "entre millóns de vacinados". "Son efectos secundarios moi raros da vacina", manifestou.