180 euros de multa a cada un dos 8 activistas que subiron ao balcón da Casa Cornide para reclamar a fin do seu "espolio"

cornide
O xuíz considéraos culpabeis cun delito leve. A sentenza pode ser recorrida

O Xulgado de Instrución número 4 da Coruña condenou ao pagamento dunha multa de 180 euros a cada unha das oito persoas que subiron ao balcón da Casa Cornide, propiedade da familia Franco na Coruña, en setembro de 2017, durante unha protesta para reclamar que este inmóbel pase ao patrimonio público.

O xuíz, que as considera autoras dun delito leve de coaccións, absolveu un dos acusados ao considerar que non se acreditou que accedese á vivenda. Os condenados, segundo a sentenza, permaneceron uns cincuenta minutos no balcón desde que foron requeridos por un axente da Policía Nacional española para que baixasen.

O día do xuízo as acusadas aseguraron que a acción realizada o 26 de setembro de 2017 consistiu en despregar unha faixa da varanda da Casa Corinde, para reclamar que este edificio, que foi "expoliado" en 1962 polo Franco, sexa restituído ao patrimonio público. Elvira Blanco, portavoz das encausadas, declarou antes de entrar no xuízo que os Franco "poden denunciarnos as veces que querian, que non poden roubar a dignidade do pobo galego".

"Que teñamos que sentarnos diante dun xuíz por realizar unha acción simbólica mentres os herdeiros dunha ditadura asasina desfrutan do patrimonio espoliado, é o mundo ao revés", aseverou.

Coñecida a sentenza, o BNG da Coruña sinalou que "non podemos compartir unha sentenza inxusta en virtude da cal imponse unha multa ás persoas que protagonizaron unha acción simbólica en defensa dunha causa que é un clamor social, a restitución da Casa Cornide, a reparación dun espolio".

Este pazo do século XVIII foi sede de dependencias municipais, aínda que en 1962 foi enaxenado mediante unha poxa pública, recaendo no empresario coruñés Pedro Barrié de la Maza. No escrito de adxudicación, trasladábase, no entanto, a vontade de transferir o edificio a Carmen Polo, esposa do entón xefe do Estado, Francisco Franco, que, finalmente, incorporouna ao seu patrimonio.