"Que nos denuncien o que queiran, non poden roubar a dignidade do pobo galego"

Concnetración ás portas do xulgado (Foto: 19 de Meirás)

Nove activistas a xuízo hoxe por reclamar a fin do "expolio" dos Franco da Casa Cornide. O colectivo dos '19 de Meirás' convocou unha concentración pacífica diante do Xulgado para amosar a súa solidariedade con este grupo de persoas.

O xuízo contra os nove activistas militantes do BNG denunciados pola familia Franco por unha protesta realizada na Casa Cornide para pedir a súa devolución tivo lugar hoxe, día 4 de febreiro, no Xulgado de Instrución número 4 da Coruña.Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira foron xulgados por un delito leve de coaccións.

A sesión durou apenas unha hora e na mesma declararon 3 testemuñas: 1 traballador da familia Franco e 2 policías que estaban presentes cando a 'okupación' simbólica do inmóbel. 

Estas persoas denunciadas aseguraron que a acción realizada o 26 de setembro de 2017 consistiu en despregar unha faixa da varanda da Casa Corinde, para reclamar que este edificio, que foi "expoliado" en 1962 polo Franco, sexa restituído ao patrimonio público. Elvira Blanco, portavoz das encausadas, declarou antes de entrar no xuízo que os Franco "poden denunciarnos as veces que querian, que non poden roubar a dignidade do pobo galego".

."Que teñamos que sentarnos diante dun xuíz por realizar unha acción simbólica mentres os herdeiros dunha ditadura asasina desfrutan do patrimonio espoliado, é o mundo ao revés" explicou.

Os encausados sosteñen que as acusacións feitas "carecen de fundamento e esperan que a acción sexa considerada como o que foi: un acto pacífico e de expresión democrática ante unha situación inxusta que ademais sabemos que é compartida por todas as persoas demócratas".

En solidariedade con estas nove persoas, que reclaman que as administracións públicas interveñan con contundencia tamén no caso da Casa Cornide, foi convocada unha concentración que se desenvolveu ás portas do xulgado no que se realizou a sesión.