151 semanas denunciando o "desmantelamento" e a "manipulación" da CRTVG

(Foto: Nós Diario)

Após case tres anos demandando mudanzas significativas no seo da dirección da CRTVG, as e os xornalistas lamentan que todo segue igual. Os partidos da oposición presionan o Goberno para elixir o director xeral con base na Lei de Medios e o PP defende a xestión de Alfonso Sánchez Izquierdo.

En maio de 2018, un grupo de profesionais da CRTVG comezou a mobilizarse en defensa da independencia informativa nos medios públicos, seguindo o camiño que iniciaran as xornalistas de RTVE un mes atrás. Para iso, abriron perfís en redes sociais baixo o nome de "Defende a Galega" e comezaron a vestir prendas negras cada sexta feira co obxectivo de concienciar ás e aos telespectadores.

No caso da televisión estatal, as protestas (malia que máis tarde se retomaron) apenas duraron doce semanas, até o momento en que os grupos parlamentarios acordaron executar a renovación do Consello de Administración. Na Galiza, pola contra, as e os xornalistas aínda agardan esa mudanza.

Desde aquela primeira concentración decorreron nada menos que 151 "Venres Negros". E o pasado febreiro, de feito, fixéronse 1.000 días de loita. Máis dun cento de semanas nas que, aseguran, non se produciron mudanzas significativas. As profesionais que hoxe manteñen a loita denuncian que a "manipulación informativa" e o "desmantelamento" dos servizos públicos continúan na orde do día: "Sábense totalmente impunes e fan o que lles dá a gana, porque non temen consecuencias máis aló das protestas internas", asegura o colectivo a Nós Diario.

Unha das principais reclamacións das traballadoras dos medios públicos é a renovación da dirección xeral, ostentada desde 2009 por Alfonso Sánchez Izquierdo, quen foi nomeado "a dedo" pola Xunta da Galiza en base á daquela vixente Lei de Creación da CRTVG (1984).

En 2011, PPdeG e PSdeG pactaron a actual Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza, que sostén que a elección do cargo corresponde ao Parlamento, a través do voto favorábel de dous terzos da Cámara. "Cando aprobaron a lei, o PP non tiña ningunha intención de democratizar os medios públicos, só de facer un lavado de cara. Vendeuse un falso desligamento entre San Marcos e San Caetano, pero o certo é que hoxe están máis perto que nunca", argumenta a este xornal a deputada do BNG Olalla Rodil.

A parlamentaria socialista Noa Díaz, así mesmo, afirma que a súa formación está "aberta" ao diálogo malia que "non houbo movementos" polo de agora: "Ao PP non lle convén mudar a dirección da CRTVG, que ve como unha empresa privada con fins mercantilistas", expón.

"Ás portas do primeiro pleno da nova lexislatura pedimos aos grupos parlamentarios que acabasen coa interinidade do director xeral. O propio director xeral dixo que ogallá prosperase a súa remuda, mais o PP deu a calada por resposta", censuran desde Defende a Galega.

"Desmantelamento" dos servizos

Lonxe de mellorar a situación, as cousas terían ido "a peor" nestes anos: "Na Radio Galega desapareceron os informativos locais e un dos programas máis recoñecidos dentro e fóra da Galiza, como era o Diario Cultural. Na TVG, o proceso de dixitalización perverteuse e derivou nunha mingua da calidade formal coa desaparición dos montadores", expón.

A respecto desta cuestión, lamentan que os avances tecnolóxicos non serviran para "mellorar os contidos", senón para "mandar un reporteiro gráfico a cubrir calquera información sen que o acompañe un redactor ou redactora".

Outro dos aspectos que reclaman é a constitución dun Consello de Informativos que vele pola pluralidade, órgano que existe en corporacións como RTVE, o Grupo EITB ou CCMA (TV3). "É unha anomalía democrática, unha flagrante vulneración de dereitos, xa que é o mecanismo interno que permite cuestionar o control político", salienta Rodil.

"Non é o mesmo aparecer ao inicio do informativo que nas colas en poucos segundos. Silencian a oposición e manipulan a realidade", asegura a socialista Noa Díaz, que bota en falta máis autocrítica: "Sempre falan do mal que funciona TV3, e eu digo que ogallá tivésemos un programa como o Polònia", matiza.

Entre tanto, Defende a Galega segue a mobilizarse cada semana malia o medo patente polas posíbeis "consecuencias".

Para a elaboración desta reportaxe non foi posíbel contactar con fontes do Partido Popular. Porén, a formación conservadora ten manifestado publicamente o seu apoio á xestión de Sánchez Izquierdo, e nega que exista a "manipulación" denunciada polos profesionais que cada semana se mobilizan nos "Venres Negros". Cómpre salientar, así mesmo, que o PP impediu o pasado ano que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comparecese no Parlamento para responder ás demandas de Defende a Galega.

A "perda" de "calidade lingüística" na CRTVG

Nas últimas semanas, a notoria presenza do castelán en diferentes espazos da TVG e a Radio Galega suscitou un debate sobre o papel que debe xogar a lingua galega nos medios públicos. "Consideramos que entrevistar persoas galegas en castelán é do máis grave que sucedeu nos medios públicos do país, por iso no seu día exiximos unha rectificación por parte do director xeral, que non se produciu", expón desde Defende a Galega.

Neste senso, Olalla Rodil detecta unha "perda de calidade lingüística que semella intencionada", en especial nos programas de entretemento, onde o uso que se fai do galego é, para a deputada, "ridiculizante". "Deben ser máis conscientes do que supón promocionar a lingua. O PP ten unha concepción moi distinta da que temos desde a esquerda, e esa mesma concepción téñena sobre os medios públicos", engade Noa Díaz.