luns 13.07.2020

Relación do Goberno coa CRTVG: A Lei de medios, peza chave para as profesionais

O Goberno que saia das eleccións do 12-x acumula demandas pendentes para acadar a independencia real da radio e da televisión públicas.
Imaxe dunha convocatoria dos 'Venres Negros'.
Imaxe dunha convocatoria dos 'Venres Negros'.

Asituación da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) afecta toda a cidadanía, pois os medios de comunicación públicos son a peza que debera executar o dereito constitucional á información. Defende a Galega fixo cómplice á sociedade das súas demandas e as críticas entre as profesionais apuntan cara ao cumprimento da  Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza.

"Sempre houbo problemas cos medios públicos, cun Goberno e con outro. O problema é a visión partidista que ten a estrutura de control do sistema dos medios de comunicación públicos, no que está moi pouco presente a sociedade", manifesta Xosé Ramón Pousa, quen apunta que "hai movementos cívicos que deberan estar presentes", pois "os partidos non poden ter todo o protagonismo".

O Executivo que ocupe a Xunta após estas eleccións contará, como recolle Defende a Galega, co reto de deseñar unha programación de servizo público para a tempada 2020/21 na que se inclúan, tanto na Radio Galega como na TVG, programas de análise informativa, debates en horario de máxima audiencia, unha programación infantil máis aló da emisión de series e espazos dirixidos á xente moza.

Defende a Galega: "Hai que recuperar as delegacións. Non hai servizo público sen cobertura de país"

Colectivo de traballadoras e traballadores en  defensa da CRTVG.

O movemento Defende a Galega leva 110 semanas facendo pública a súa demanda  dunha radio e unha televisión pública independente do poder a través dos 'venres negros'. No manifesto dirixido ás formacións que concorren o 12-x solicitan a "destitución inmediata do actual director xeral da CRTVG" e o nomeamento doutra persoa "seguindo o criterio marcado pola Lei de medios", é dicir, cunha maioría parlamentar de dous terzos. No prazo dun mes desde a formación do Goberno queren activar o Consello de Informativos e recuperar tanto as delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña como as desconexións informativas locais suprimidas en 2008. "Non hai servizo público sen cobertura de país", aseguran.

Francisco G. Sarria: "Levamos tres décadas falando de despolitizar os medios públicos"

 Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)

"O Colexio ten reiterado aos partidos que concorren ás eleccións que é preciso que aposten por uns medios de comunicación públicos independentes e que garantan a pluralidade", explica Francisco G. Sarria, polo que considera que a relación "debería limitarse a garantir que así sexa" a través da elección dunha dirección xeral por maioría parlamentar consensuada. Para o decano dos xornalistas isto tería que implicar "o desenvolvemento dun Consello de Informativos, así como a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente". "Resulta impropio que levemos a última década con esta 'matraca' e máis de tres décadas falando de despolitizar os medios de comunicación públicos", afirma.

Andrea de Francisco: "Urximos a creación do Consello de Informativos e o Estatuto Profesional"

 Representante do Comité intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galiza

"Desde o Comité intercentros da CRTVG urximos, como levamos facendo anos, que se cumpra a Lei de medios de 2011 coa creación de órganos fundamentais como son o Consello de Informativos e o Estatuto dos profesionais, ambos garantía da independencia da radio e da televisión públicas", salienta Andrea de Francisco, quen tamén pide que se substitúa ao actual director xeral co mecanismo recollido nesa lei. "As relacións laborais están moi deterioradas, temos moitas negociacións paralizadas e é urxente un proceso de estabilización do persoal. Unha dimensión adecuada do cadro de persoal permitiría recuperar a produción propia", explica.

Xosé Ramón Pousa: "Que os medios públicos cumpran os obxectivos para os que foron creados"

Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

"De producirse un cambio de Goberno haberá unha expectativa grande a respecto dos medios de comunicación públicos porque houbo tensións entre os propios profesionais nestes anos", sinala Xosé Ramón Pousa, que como decano reclama que a radio e a televisión públicas "cumpran os obxectivos para os que foron creadas": a defensa do idioma e da liberdade de prensa, estar ao servizo de toda a sociedade e ser independentes do poder político. "Iso é o que lle dá sentido á súa existencia", destaca, para engadir que habería que "limitar a monopolización dos medios polo poder". "Ás veces só hai que cumprir a lei, sobre o papel está todo moi delimitado", di.