As 13 medidas urxentes para reverter o "desmantelamento" dunha sanidade pública "en coma"

Manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago. (Foto: Nós Diario)
Estas son as propostas de SOS Sanidade para "salvar" o servizo público.

"A sanidade pública galega está en coma, na última fase do seu desmantelamento. Centros de saúde e PACs inaccesíbeis; consultas telefónicas en lugar de presenciais; centros masificados, sen pediatras nin persoal suficiente, con esperas de semanas; servizos de urxencias hospitalarios colapsados; listas de agarda hospitalarias manipuladas que ocultan mais da metade dos pacientes; servizos de Saúde Pública sen recursos para afrontar as epidemias; persoas maiores abandonados nas residencias e na dependencia, e un persoal sanitario insuficiente que soporta unhas condicións laborais precarias e indignas". Enumerando esta lista de problemáticas comeza o manifesto lido por representantes de SOS Sanidade Pública este domingo ao remate da multitudinaria manifestación que reuniu milleiros de persoas na capital da Galiza.

Fronte a esta "situación aberrante e inaceptábel", o colectivo vía necesaria unha gran mobilización social como a de hoxe, que culminase as manifestacións convocadas nos últimos meses en decenas de vilas e cidades de todo o país como "protesta polo abandono asistencial e a falta de recursos que pon en risco permanente a saúde da poboación". Desde as entidades que conforman SOS Sanidade propoñen 13 medidas urxentes para garantir a atención sanitaria "de calidade" para toda a poboación, que se reproducen a continuación.

1. Incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25% do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), garantindo que na contabilidade deste incremento non se compute o gasto farmacéutico nin o custe do sector privado racionalizado. Eliminación da derivación sistemática de pacientes aos centros concertados privados.

2. Incrementar urxentemente o persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; incorporación aos equipos sanitarios de novas categorías profesionais necesarias, como psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, podoloxía, traballo social, atención temperá, nutricionismo, hixiene bucodental, ou optometría. Aumento do número de prazas de formación do persoal. Acreditación de novos centros para a docencia. Priorización das consultas presenciais nos centros sanitarios, e remate das listas de agarda nos centros de saúde.

3. Apertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos onde sexa necesario, cubrindo os servizos mínimos en todos e mellorando a súa dotación e equipamento. Control e coordinación de todos os procesos asistenciais do paciente dende a Atención Primaria.

4. Reintegración do servizo de ambulancias ao Sistema Público; aumento na dotación das mesmas para cubrir os servizos mínimos de persoal e equipamento. Agrandar o número de ambulancias tanto as ‘asistenciais’ como as ‘medicalizadas’, número que na actualidade non chega para cubrir a demanda.

5. Implementación dun Plan Urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, poñendo de novo a funcionar a pleno rendemento os centros sanitarios públicos; reapertura das camas hospitalarias clausuradas; recuperación dos servizos pechados dos Hospitais Comarcais. Modificar a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias que favorece a derivación de pacientes ao sistema privado.

6. Garantir que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) faise dende a sanidade pública, sendo os referentes os Centros de Atención Primaria, dotados axeitadamente, e en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións, vergoñentas, no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.

7. Reintegración ao Sistema Público dos servizos privatizados: Información, Historia Clínica, Receita Electrónica, Central de Chamadas, Loxística, Investigación, Docencia. Recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para o Sistema Público e ampliar o número de camas segundo o proxecto inicial para dar cobertura a toda a poboación de Povisa.

8. Elaboración de forma consensuada dun Plan de Saúde Mental que dote ao Sistema Sanitario Público Galego de recursos e de persoal axeitado e que garanta a presenza de profesionais de Saúde Mental na Atención Primaria.

9. Eliminación da inestabilidade e precariedade laboral no Sistema Público e implementación dunha política xusta e incentivadora. Contemplar a dedicación exclusiva só para o persoal médico que traballa na Sanidade Pública e esixencia da acreditación especializada no novo persoal contratado.

10. Concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión do Sistema Público. Erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo.

11. Restablecer as Xerencias de Atención Primaria e dotalas de capacidade resolutiva e orzamento propio. Transformar as Áreas Sanitarias para a recuperación da necesaria coordinación e xestión integrada da Atención Primaria, Hospitalaria, Saúde Pública e Atención á Dependencia. Restituír as Áreas Sanitarias suprimidas.

12. Reorientar o sistema ao "modelo comunitario e participativo", para garantir unha atención integral que actúe eficazmente sobre as cuestións determinantes que inciden na saúde.

13. Desmedicalizar o sistema, e acabar co uso irracional e abusivo dos fármacos e das novas tecnoloxías, e poñer o eixo do mesmo na Atención Primaria.