VÍDEO

"Máis recursos e menos discursos": milleiros de persoas claman contra a deterioración da sanidade pública e exixen solucións

A praza do Obradoiro, chea ao remate da manifestación. (Foto: Nós Diario)
Multitudinaria manifestación en Santiago de Compostela para reclamar máis recursos para un sistema sanitario que esvaece ante os recortes e a falta de investimento.

Milleiros de persoas volven tomar este domingo as rúas de Santiago de Compostela para defender o sistema sanitario público e exixir solucións ao Goberno galego ante os múltiples problemas que atravesa o servizo en todos os niveis. "Esta é unha manifestación para rexeitar a situación que estamos a vivir na sanidade pública, unha situación que non permite máis dilación", salientou, en declaracións aos medios antes do inicio da marcha, o portavoz de SOS Sanidade Pública, o colectivo convocante, Manuel Martín, que chamou a reverter esta situación: "É a hora de tomar decisións. Se non hai un cambio na política sanitaria, haberá que cambiar os responsábeis".

Martín fixo alusión á "lamentábel" situación da atención primaria, con atrasos de varios días para obter unha cita co médico de cabeceira, e criticou as "listas de espera absolutamente inaceptábeis" que hai nestes momentos en todas as áreas sanitarias en determinadas especialidades médicas. Para el, non é certo que estes asuntos "non teñan solución", como insisten en defender desde a Consellaría de Sanidade, senón que, ao seu ver, "só falta vontade política".

Á protesta acudiron as e os representantes das principais forzas políticas da opoisición. Para a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, esta manifestación xorde dunha sociedade que se opón a que "o PP deteriore os servizos públicos a costa da saúde dos galegos e galegas". A nacionalista comprometeuse a aprobar un 'plan de rescate' da atención primaria dotado con 200 millóns de euros e fai un chamamento á mobilización o vindeiro 18-F: "Se queremos defender a sanidade pública, ademais de mobilizarnos hoxe temos que facelo o 18 de febreiro. A papeleta que defende a sanidade é a do BNG".

Pola súa parte, o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que "antes cando chamabas ao médico de cabeceira podía atenderte ao día seguinte", algo que na Galiza, após 15 anos de gobernos do PP, asegurou, "xa non existe". O PSdeG asegura que ampliará o número de profesionais, nomeadamente en especialidades moi minguadas como a Pediatría, para "garantir unha verdadeira sanidade pública".

Durante a marcha puideron escoitarse cánticos como 'máis recursos e menos discursos', 'menos inventos e máis investimentos', 'orzamento digno para a sanidade pública' ou unha advertencia para o presidente da Xunta: 'Rueda, atende, a sanidade non se vende'. O propio Alfonso Rueda cargou este domingo contra a manifestación acusándoa de "politizada", malia que fora anunciada con antelación á súa convocatoria electoral, e recoñeceu, con todo, as eivas no servizo e afirmou que "hai que mellorar".