Sanidade pública

10 datos que evidencian a deterioración da sanidade galega após 14 anos de gobernos do PP

Manifestación en defensa da sanidade pública en febreiro de 2023 en Compostela. (Foto: Arxina)

Este domingo hai convocada unha manifestación nacional en defensa da sanidade pública en Compostela. Unha mobilización que se prevé multitudinaria e que quer evidenciar o deterioro ao longo destes anos destes servizos públicos.

A sanidade é, segundo o barómetro do CIS, o segundo motivo de preocupación para galegos e galegas, só superado polo paro e por diante de cuestións como a crise económica. Profesionais, usuarias e diferentes colectivos e asociacións levan anos denunciando o que consideran que é un deterioro deste servizo público esencial.

Moitos sinalan as políticas do PP desde a súa chegada á Xunta da Galiza en 2009 como o factor chave para entender como a sanidade pública está a ser cada vez menos sanidade e menos pública.

1)  Atención Primaria. Feche de 33% dos consultorios locais. Máis de 33% de consultorios locais de Atención Primaria existentes antes da chegada de Núñez Feixoo á Xunta da Galiza (marzo de 2009) foron fechados, a maioría en espazos rurais. O escaso investimento neste nivel sanitario, con Galiza situada na cola do Estado, está a xerar un empeoramento da calidade asistencial. Galiza é a comunidade do Estado cun menor número de consultorios locais. A memoria 2023 do Defensor do Paciente sinala que a Atención Primaria da Galiza é a "máis saturada" do Estado español, unha posición no ránking que comparte con Andalucía. Por iso, considera necesario aumentar o seu cadro de persoal médico e pediatras nun 30% para aminorar a presión, co que se podería "atender entre 20 e 25 pacientes ao día [por médico] en lugar de axendas con 50 ou 60".

2) Listas de espera. As listas de espera para se operar na Galiza aumentou 21% en 10 anos. 44.410 persoas agardan por unha intervención cirúrxica. Case dous de cada 100 habitantes da Galiza están esperando para ser operados. Son 44.410 persoas. En 2013, hai 10 anos, ese número era de menos de 37.000 persoas, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, polo que nunha década os galegos e galegas en agarda cirúrxica aumentou en 21%. No que respecta a días de espera si que houbo unha mellora. No primeiro semestre esa agarda era de 66 días, o que supón 9 menos que no primeiro semestre de 2022 (75 días). Eses 66 días, porén, aínda fican lonxe dos que a propia Xunta se marcou para a espera cirúrxica para o presente ano: 55.  Hai especialidades, ademais, e en base aos recentes datos publicados polo Ministerio de Sanidade, onde na Galiza se supera amplamente eses 66 días de espera. É o caso de Neurocirurxía, con 91 días e cirurxía pediátrica, con 86. Na primeira delas, 14,6% dos pacientes acumulan xa máis de 6 meses de agarda. En pediátrica é 11% a porcentaxe dos que superan esa agarda de  180 días.

3) Orzamentos. O investimento sanitario volve rexistrar unha rebaixa nos orzamentos de 2024. Segundo os datos achegados na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento da Galiza, polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a finais de 2023, as contas do seu departamento sitúanse en 5.165 millóns de euros, o que significa unha caída en relación a 2023, unha vez descontada a inflación, de 70,4 millóns de euros. A maiores, os fondos da Consellaría de Sanidade seguen 71 millóns de euros por baixo das contas de 2009, as últimas aprobadas polo Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG na Xunta.

O investimento sanitario sumou no actual exercicio 33,5% do conxunto das contas públicas, a inflación medrou en 5,4% e os presupostos creceron en 5%. Neste sentido, as contas sanitarias soben para a próxima anualidade, por baixo do total do orzamento e do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), o que implica unha caída das partidas de 1,5 puntos en relación a 2023.

4) Camas dispoñíbeis. 600 camas hospitalartias menos.  O número de camas hospitalarias instaladas non deixou de caer dende o ano 2008. Dende máis de 7.900 camas ás menos de 7.300 actuais. É dicir, nos últimos quince anos os hospitais galegos perderon máis de 600 camas. O dato é aínda máis preocupante se en lugar de observar as camas instaladas vemos as camas en funcionamento. As camas que efectivamente funcionan sobre as existentes non chega a 90% do total para o ano 2021 (o último ano con datos), o que quere dicir que de dez camas, unha non está dispoñible

5) Saúde mental. Os tempos de espera para conseguir unha primeira cita en Psicoloxía Clínica chegan ao ano en catro das sete áreas sanitarias galegas. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) dispón na actualidade de 141 especialistas en Psicoloxía Clínica, o que representa unha ratio de 5,2 profesionais por cada 100.000 habitantes. A totalidade dos traballos científicos e a Organización Mundial da Saúde (OMS) sitúan en 12 profesionais por cada 100.000 habitantes o mínimo esixíbel para prestar unha asistencia con garantías. 

6) 2.500 millóns de euros para a sanidade privada. A factura que anualmente paga a Xunta da Galiza á sanidade privada só en concepto de "uso de medios alleos" —desde derivacións de ingresos hospitalarios até realización de probas— supera os 200 millóns de euros. Un repaso aos informes anuais de fiscalización sobre o Sergas que elabora o Consello de Contas e os propios presupostos da Xunta indican que ese pago á sanidade privada desde 2021 abeira os 2.500 millóns de euros.

7) Pediatría. Son 201 os concellos galegos que carecen de servizo de Pediatría. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), referentes a 2022, 64,2% dos municipios da Galiza non contan con servizo de Pediatría. Dentro do 35,5% restante, en 13,1% dos concellos presta a atención pediátrica persoal médico sen titulación nin formación axeitada. Ademais, nese 35,5%, unha porcentaxe significativa das prazas dotadas polo Goberno galego permanecen vacantes durante unha parte do ano, sendo esta situación permanente en 4,6% deses concellos.

8) Urxencias. Esta semana o persoal de Urxencias protagonizou concentracións ante os hospitais galegos, unhas mobilizacións coas que, entre outras cuestións, queríand enunciar a “sobrecarga” que padecen estes traballadores e traballadoras. Os colapsos e saturacións en Urxencias en determinadas épocas son a proba da falla de persoal, sinalan.

9) Enfermaría. Máis de 50% de cadro de persoal de enfermaría na sanidade pública galega está formado por persoal temporal, incluídos persoal con praza vacante e resto de persoal temporal.  84,83% do persoal de enfermaría considera que o número de pacientes que ten asignado no seu hospital, centro de saúde ou centro sociosanitario "non é o axeitado" para prestar unha atención "segura e de calidade", segundo unha enquisa realizada polo Sindicato de Enfermaría Satse. No caso dos hospitais, mentres que os estudos determinan claramente unha ratio máxima de entre 6 e 8 doentes por enfermeira, a maioría delas —7 de cada 10— aseguran superar os 10 pacientes.

10) Derivacións. A Galiza derivou á sanidade privada máis de 117.000 cirurxías e 300.000 probas diagnósticas no últimos cinco anos, unhas cifras que supoñen, de modo global, arredor de 2,6% das e dos pacientes asistidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) neste período, segundo datos de Sanidade en 2022. Unha de cada dez intervencións cirúrxicas entre 2017 e 2021 foron derivadas a hospitais privados da Galiza. Na área sanitaria de Ferrol foron 28% das cirurxías.