O 12-X baixo a ollada das mobilizacións sociais e laborais

Enfermeiras Eventuais en Loita nunha concentración na Mariña (@Xoan_73).
A cuarta maioría absoluta do Partido Popular na Galiza non sorprendeu os movementos veciñais, sociais e da clase obreira que arelaban un cambio de Goberno para avanzar no recoñecemento de novas políticas públicas e laborais capaces de reverter o impacto de anos de desleixo e recortes. Con todo, admiten unha oportunidade no ascenso do nacionalismo e na configuración dunha oposición renovada que debe trasladar ao Parlamento as demandas reais da cidadanía.

As mobilizacións sociais en defensa da sanidade pública, duns servizos sociais fortalecidos afastados dos intereses privados e dun sector produtivo capaz de atender tanto as necesidades como a riqueza e o talento do país non impediron unha nova vitoria do Partido Popular, mais deixáronse sentir nas urnas. Os resultados electorais propiciaron unha subida histórica do BNG e deixaron Galicia en Común e Marea Galeguista fóra do Parlamento.

Os grandes movementos reivindicativos perden algúns dos seus aliados fronte ás políticas de recortes dos Gobernos da Xunta nos últimos anos, mais manteñen o compromiso da oposición, á que lle confían, malia a cuarta maioría absoluta de Alberto Núñez Feixoo, o cumprimento das súas demandas.

Os conflitos sanitarios foron protagonistas nos últimos anos, especialmente na recta final da lexislatura que vén de concluír. Ás protestas das plataformas en defensa da sanidade pública sumáronse con forza as reivindicacións do colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita, que nesta nova etapa acordou seguir adiante, traballando por un cambio polo que avogaban nas pasadas eleccións e que non se consolidou.

Levo 10 anos nos que me foi imposíbel conciliar a miña vida familiar e laboral e sei que todo vai seguir na mesma liña.

"Persoalmente cústame entender o resultado destes comicios porque levamos unha década de recortes dos servizos públicos que comprometen non só o futuro da sanidade, que é o que a nós nos afecta de forma directa, senón tamén da educación, ou da loita contra os incendios, baixo ameaza de privatización", apunta a Nós Diario Nuria González, enfermeira eventual no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

A precariedade define o traballo temporal dunhas 7.000 enfermeiras en centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Levo 10 anos nos que me foi imposíbel conciliar a miña vida familiar e laboral", afirma Nuria González, "e sei que todo vai seguir na mesma liña". Asegura ter medo, despois de tres meses de traballo intenso en plantas Covid, exhausta física e psicoloxicamente. Con este nivel de fatiga, "o contrato que me ofreceron o mes seguinte foi cada día nun servizo".

Autocrítica e firmeza

temos que coller impulso e seguir coa loita. Non nos imos render. Enfermeiras Eventuais en Loita inciden na necesidade de coidar das profesionais, xa que son as responsábeis de coidar das pacientes, unha evidencia que a Administración hai tempo que perdeu de vista. Neste sentido, apunta González, "Porque nos interesa defender as nosas condicións laborais mais tamén a sanidade pública". Con esta idea, recoñecen que deberán revisar as súas estratexias co obxectivo de chegar a máis compañeiras pero sobre todo ao resto da poboación. 

Temos que coller impulso e seguir coa loita. Non nos imos render.

"Urxe trasladar os aplausos que nos brindaron desde as fiestras ao escenario político, porque son necesarios. Moitos partidos que nos apoiaron xa non estarán no Parlamento pero o resto de deputados deben seguir loitando polo que defenderon durante a campaña". Así, demandan maior transparencia na contratación sanitaria, que se convoquen as prazas necesarias dentro do Sergas unha vez derrogada a taxa de reposición e pórlle fin aos contratos en fraude de lei, "porque os contratos que nos ofrecen son moi difíciles de asumir".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da quinta feira, día 16, nos quiosques ou na nube]