104 muíños cercarían as Fragas do Eume e serían perceptíbeis en todo o parque

Proxección dos aeroxeradores que conformarían os seis parques eólicos ao carón das Fragas do Eume (Imaxe: Nós Diario)
O Miteco tramita seis parques eólicos que afectarían o espazo protexido. Dous deles, Pena do Corvo e Taboada, solaparíanse entre si: as súas poligonais e aeroxeradores están proxectados no mesmo emprazamento.

Polo norte, o sur, o leste e o oeste. Os 104 aeroxeradores proxectados na contorna das Fragas do Eume serían perceptíbeis, a nivel visual e acústico, desde practicamente calquera recuncho do parque natural —que forma parte da Rede Natura 2000—. A ameaza eólica chega a través dos seis proxectos que actualmente está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco).

Iberdrola

O primeiro deles, promovido por Iberdrola, é o de Pena do Corvo —13 turbinas e unha potencia total instalada de 58,5 megawatts (MW)—, cuxas "severas afeccións" tanto ao patrimonio natural como aos núcleos poboacionais levou á veciñanza de Monfero a reunir un milleiro de alegacións. O aeroxerador máis próximo ao parque natural ficaría a escasos 143 metros polo suroeste, e outros catro invadirían o territorio delimitado para a ampliación da Rede Natura 2000 —demorada polo Goberno galego desde 2011—.

A veciñanza, após manter un encontro con persoal técnico de Iberdrola, denunciou a falta de diálogo por parte da empresa, que afirmou que o proxecto xa non se pode paralizar "porque hai un grande investimento detrás".

Enel Green Power

A empresa Enel Green Power —Endesa—, pola súa banda, tramita outros tres proxectos. O parque eólico Tesouro —12 muíños e 60 MW— afectaría os municipios da Capela e As Pontes, ao norte do parque, a apenas dous quilómetros de distancia.

Cómpre lembrar que o impacto visual dun aeroxerador abrangue unha extensión de quince quilómetros á redonda; o acústico, 500 metros segundo a normativa vixente —malia que diferentes estudos apuntan a que, debido, ás dimensións das turbinas que se están a proxectar, de 200 metros de altura e motores máis potentes,o ámbito de afección podería oscilar entre dous e tres quilómetros—.

En segundo lugar, Caaveiro 14 muíños e 78 MW— situaríase nos termos municipais de Cabanas, A Capela, Fene, Neda, As Pontes e San Sadurniño. Os aeroxeradores máis próximos, a menos dun quilómetro das Fragas do Eume, en dirección noroeste.

Finalmente, o parque eólico Santuario —40 turbinas e 180 MW— afectaría As Pontes, Guitiriz, Vilalba e Xermade. Unha ringleira de muíños, polo leste, ficarían a entre un e tres quilómetros das Fragas do Eume. Contra este proxecto pódense presentar alegacións até o vindeiro 15 de agosto.

EDP Renovables

Noutra orde, EDP Renovables prevé construír dous parques máis na contorna deste espazo protexido, mais ningún deles foi aínda sometido a información pública no Boletín Oficial do Estado (BOE). Trátase, en primeiro lugar, de Taboada, que constaría de 12 aeroxeradores e unha potencia de 74,4 MW, nos municipios de Monfero e As Pontes. A súa poligonal —área de afección—, ao igual que acontece no caso de Pena do Corvo, invadiría por completo o espazo natural polo suroeste.

De feito, de aprobárense ambos os proxectos, estes quedarían totalmente solapados: a poligonal de Taboada ficaría dentro da área de Pena do Corvo, e varios dos seus aeroxeradores están proxectados no mesmo emprazamento.

Por outra banda, o parque eólico Roidiz estaría composto por 13 turbinas e un total de 80,6 MW instalados, e afectaría A Capela, As Pontes e Xermade. Situaríase ao norleste das fragas, entre os parques Tesouro e Santuario, cuxas respectivas poligonais invadirían até tres turbinas de Roidiz previstas alén da súa propia área de afección delimitada.

Os proxectos de Taboada e Roidiz sumaríanse a Gondré —oito muíños e 62 MW— e Carbeira —ídem—, que estarían conectados entre si e, na práctica, conformarían un macrocomplexo entre as comarcas do Eume e Ferrolterra.