O cura de Xestoso oficiará unha misa contra os eólicos no mosteiro de Monfero

Detalle do cartel da 'romaría e misa' contra os eólicos no mosteiro de Monfero.
Será o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a quen invocará protección contra o 'boom' da industria eólica no transcurso dunha romaría na contorna do mosteiro. 

O cura de Xestoso, no municipio de Monfero, oficiará unha misa para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos", segundo informa o propio crego, Luís Rodríguez Patiño, nun comunicado dirixido aos medios e asinada tamén pola plataforma veciñal Monfero di Non.

A misa terá lugar o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, no mosteiro de Monfero. O oficio relixioso está previsto contra as 12.30 do mediodía e dará paso a unha romaría que na que os organizadores tamén programoron un roteiro guiado polo mosteiro.

Pena do Corvo 

A veciñanza de Monfero mantén viva desde principios de abril unha plataforma contra o parque eólico Pena do Corvo, que o pasado 29 de maio iniciou a súa tramitación a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco).

O proxecto, promovido por Iberdrola, prevé a instalación de trece aeroxeradores cuxas aspas alcanzarían os 200 metros de altura e contarían cunha potencia total instalada de 58,5 megawatts (MW), alén dunha subestación transformadora e unha liña aérea de alta tensión que atravesaría nove municipios lindeiros.

Segundo lembran, descubriron a intención da compañía no Boletín Oficial do Estado (BOE) sen máis información e practicamente sen tempo para presentar alegacións. Mais reuniron perto de 2.200 que achegaron nos prazos estabelecidos pola Administración no mes de maio.

A historia da veciñanza de Monfero repítese por toda Galiza. Celanova e o Xurés, A Baña, Laxe, Vimianzo, Cabanas,  Mazaricos, Dozón, Lalín, Rodeiro e O Irixo, Outes, Rebordechao, Carballo e Coristanco. Ducias de concellos e de pequenas asociacións cidadás impulsaron nos últimos meses coa axuda de organizacións ecoloxistas ou de sindicatos agrarios diferentes plataformas co fin de frear o avance dos eólicos.

O crego de Xestoso

Non é a primeira vez que o cura de Xestoso, Rodríguez Patiño, se suma á veciñanza na súas súas reivindicacións cun acento crítico. Así, xa ten pedido pola mellora das estradas locais, porque "Deus nos libre do mal dos bispos ultraconservadores" ou pola expulsión da Igrexa de Raxoi e Feixoo por "usureiros".