100% do persoal de Monbus na Coruña, Betanzos e Ferrol secunda a folga contra os incumprimentos laborais

Concentración diante dos xulgados de Ferrol da CIG. (Foto: Nós Diario).

Paralelamente á folga, a CIG realizou na mañá desta terza feira unha concentración diante dos xulgados de Ferrol coincidindo co decorrer do xuízo polo despedimento dun traballador do grupo.

O 100% do persoal da Unión Temporal de Empresas (UTE) do grupo Monbús que fai o servizo regular entre A Coruña-Betanzos-Ferrol está a secundar esta terza feira a xornada de folga en rexeitamento aos abusos laborais, aos despedimentos e ao deterioro do propio servizo.

“A folga é un éxito en tanto que só están funcionando os autobuses designados como servizos mínimos. Porén, no caso do transporte escolar de Ferrolterra, o persoal condutor e o acompañante non puido exercer o seu dereito á folga xa que a Consellaría de Educación decretou uns servizos mínimos da 100%”, salienta a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Paralelamente á folga, a CIG realizou na mañá desta terza feira unha concentración diante dos xulgados de Ferrol coincidindo co decorrer do xuízo polo despedimento dun traballador nesta UTE do grupo Monbus.

"Monbus ten unha política antisindical e de persecución que busca laminar a representación do persoal. Por iso temos solicitada a nulidade do despedimento", explica Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil e Telecomunicacións e actividades afíns (FGAMT-CIG).

Falta de persoal

Neste senso, Pastoriza subliña que "non ten sentido dicir que non hai traballo cando o problema é que non hai nin coches nin persoal condutor suficiente para facer os servizos e cumprir cos horarios e as frecuencias". De feito, apunta Pastoriza, "todos os despedimentos que se produciron até agora foron declarados improcedentes".

Esta falta de persoal supón ademais sobrecargar de traballo o resto de compañeiros e “incumprir de maneira sistemática co servizo, até o punto de que son habituais os atrasos e mesmo que non se realicen servizos, deixando así Monbus ‘tiradas’ as usuarias e usuarios nas paradas”, asevera o responsábel da FGAMT-CIG

Responsabilidade da Xunta da Galiza

Xesús Pastoriza acusa a Xunta da Galiza de provocar coa súa pasividade "o caos no que se ten convertido o transporte por estrada de viaxeiros". "En todos os anos que levo no sector non lembro unha situación como a actual, na cal coinciden nas queixas e nas protestas os traballadores e traballadoras, as persoas usuarias, os concellos e incluso as pequenas empresas de autobuses".

A este respecto, advirte Pastoriza que este novo modelo de contratos licitados polo Goberno galego leva á desaparición da pequena e mediana empresa galega, ao concentrarse o sector nuns poucos grandes grupos que acaparan os contratos e o mercado.