Así naceu o Día da Patria Galega

Comitiva inicial da manifestación do Día da Patria Galega (Arquivo da Fundación Terra e Tempo)
O 7, 8 e 9 de novembro de 1919, os delegados das diversas agrupacións das Irmandades da Fala presentes na II asemblea nacionalista, celebrada en Santiago de Compostela, acordaron declarar o 25 de xullo como Día da Patria Galega. A xornada, que se celebrou por primeira vez en 1920, irá cobrando folgos en sucesivas convocatorias até converterse nunha data de referencia da vida social e política da Galiza. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.

A   II asemblea nacionalista, convocada co obxectivo de concretar a posición da organización respecto da súa participación nos vindeiros procesos electorais, decorreu por uns vieiros diferentes aos definidos previamente.

Se nas semanas anteriores á celebración a afiliación da Irmandade da Fala d´A Coruña, a máis proclive a participación nos comicios locais e xerais, daba por feito unha resolución nese sentido dos asistentes, os delegados presentes, por razóns aínda hoxe non ben coñecidas, excluíron este asunto dos seus debates.

O plenario, celebrado na primeira fin de semana de novembro de 1919 no inmóbel que actualmente ocupa o instituto compostelán Rosalía de Castro, estivo presidido por unha mesa da que facían parte Antón Vilar Ponte, Manuel Banet Fontenla, Tomás Rodríguez Sabio e Xesús Culebras.

A cuestión relixiosa e a posición sobre a forma de goberno ocuparon boa parte das discusións, resumíndose as conclusións do debate nunha táboa de trinta e oito medidas, nun relatorio sobre a cuestión foral e nunha declaración onde reafirmaban a vixencia do manifesto acordado un ano antes en Lugo.

A festa da patria galega, a nosa festa nacional

Unha das resolucións aprobadas na II asemblea nacionalista estabelecía a declaración do 25 de xullo como Día da Patria Galega e instaba a súa celebración e popularización pola militancia irmandiña.

Malia que o programa aprobado no encontro de Santiago de Compostela non se refería explicitamente a celebración do Día da Patria Galega, falando dunha “festa do emigrante, o día de Santiago”, as posicións políticas formuladas polos principais dirixentes das Irmandades da Fala e a propia  propaganda da organización non deixan lugar a dúbidas.

A Nosa Terra, no seu número do 25 de xullo de 1920, afirma que “cumprindo un acordo da II asemblea nacionalista, e obedecendo ordes do Directorio do que é órgano oficial, hoxe festexa chea de ledicia o “Dia da Galiza”.

Nesa mesma data e publicación, Vicente Risco non dubida en sinalar que “o día do Apóstolo é a festa da patria galega, a nosa festa nacional”, manifestándose nuns termos semellantes Francisco Vázquez Enriquez, un dos militantes referencia da comarca compostelá, ao declarar que “pola derradeira asemblea que en Compostela xuntou aos nacionalistas, foi acordado facer “Dia da Patria” o 25 do mes de Santiago”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]