Nove Voces

Festa, loita e amor pola nación, a dimensión social do Día da Patria Galega

Hai un século que as Irmandades da Fala, durante a II Asemblea Nacionalista, en novembro de 1919, fixaban o 25 de Xullo como o Día Nacional da Galiza. Un ano despois tivo lugar a primeira celebración. A que Castelao describiu como “a maior festa de todos os galegos” recibiu o apelativo de Día da Patria Galega do nacionalista Bautista Álvarez en 1968. Neste 2019 Sermos Galiza fala con Anxo Angueira, Montse Fajardo, Paulo Carril, Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Ximena González, Manuel Vilar, María Pilar García Negro e Olaia Ledo sobre o significado que debera ter o 25 de Xullo a nivel social.

Anxo Angueira, Presidente da Fundación Rosalía de Castro

“A unidade e unha celebración reivindicativa son os principios que debemos manter”

Para min o 25 de Xullo debe ter o significado que tivo xa desde a primeira noticia que eu coñezo desta celebración: a que aparece no Coloquio de Sarmiento de 1746. Nas súas páxinas fálase de como en Madrid -en Madrid, non aquí, na Galiza- se reúnen en congregación (“conguergazón”, dicía el) os galegos e galegas emigrantes o día 25. Celebran con festa e celebran coa música nacional galega, de gaitas e zanfonas. Para min é iso, unha festa que nos debería unir a todos e a todas. Unha festa reivindicativa que deberiamos celebrar con alegría e con esperanza, porque o noso é un proxecto con futuro. A unidade e esa celebración reivindicativa son para min os principios que debemos manter, os principios que xa había nese texto de Sarmiento. O nivel social e nacional non son separábeis. Non o eran tampouco no discurso político que hai detrás das páxinas de Rosalía de Castro. Creo que ao longo da nosa historia, do noso proxecto de liberdade, o social e o nacional camiñaron xuntos. Por así expresalo, nosa é “a casa, o val, a patria humilde”, que dicía Uxío Novoneyra.

Montse Fajardo, Integrante da Iniciativa Galega da Memoria

“Querería que esta data se faga desde a memoria e desde o feminismo”

Creo que o 25 de Xullo ten que ter un significado de orgullo e arraigo polo noso. Penso que Galiza está a venderse a cachiños, tanto desde a Xunta como desde o goberno central. Galiza é unha terra moi rica que penso que están vendendo a saldo: a enerxía eólica, os recursos mineiros, pesqueiros etc. Galiza é unha terra moi rica que están espoliando. O 25 de Xullo ten que ter un carácter de orgullo de país, de reivindicación do noso. A nosa terra é moi rica e ten que servir para que a xente que a habita viva en mellores condicións. Que o pan non sexa só para os ricos, que cada vez teñen máis mentres os que vivimos na terra pasámolo mal. Orgullo e loita, en dúas palabras. Penso que tamén é importante, dentro da parte de orgullo, reivindicar a patria da lingua. Creo que a lingua e a cultura neste momento tamén están sendo atacadas. O orgullo ten que ser tamén por elas, ademais de pola nosa xente. Debemos defendelas para que ninguén veña a esquilmarnos o país desde as alturas. Tamén querería que esta data, e estas reivindicacións, se fagan desde a memoria e o feminismo.

Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG

“Neste 25 de Xullo apostamos na autoorganización do pobo galego e da clase traballadora”

Desde a CIG chamamos a reivindicar os nosos dereitos como clase e como nación este 25 de Xullo. A demanda dunha Galiza ceibe sen explotación ten para nós toda a actualidade, ante a situación de emerxencia nacional e social que vivimos como consecuencia da crise económica. Tamén dun intenso roubo e saqueo das clases populares na lóxica dun capitalismo que afonda no noso papel tradicional de nación colonizada e explotada, subministradora de man de obra a través da emigración. Vemos que os nosos recursos son espoliados con grandes impactos ambientais, económicos e sociais, sen que isto reverta no país. Entendemos tamén que a perda de emprego, a crise demográfica, a emigración xuvenil, o desmantelamento industrial, o feche e a deslocalización de empresas evidencian de forma dramática o dano que provocan estas prácticas neoliberais na Galiza. Alén de todo o que xa temos denunciado, como as reformas laborais ou o problema das pensións, que estenden a precariedade, a pobreza e os baixos salarios na poboación galega. As reivindicacións de dereitos laborais e sociais pasan por unha vontade política de pular pola nosa soberanía e capacidade de decidir. Neste 25 de Xullo apostamos na autoorganización do pobo galego e da clase traballadora.

Mercedes Queixas, Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

“O 25 de Xullo é unha cura afectiva contra o desamor”

O 25 de Xullo é unha cura afectiva contra o desamor, contra o desafecto e contra o desencontro. É unha grande aperta que nos damos, que nace da convicción de sermos e construírnos pobo galego. De sermos un corpo vivo con identidade plena. Gustaríame compartir con toda a sociedade unha xornada de contraste de fortalezas, entendida como superación de complexos e de soidades individuais que ao longo do ano nos poden ir axexando. É tamén unha xornada de sorrisos, de olladas e de esperanzas que nos autoafirma na identidade propia que temos como galegas e galegos. Para min tamén, un pouco literal e metaforicamente, o 25 de Xullo é unha xornada para camiñar cara ao reencontro, avanzar na autoconfianza e medrar no amor ao país e a nós mesmos. A data na que cada ano comeza de novo, un impulso no camiño, sempre con ese escenario ilusionante de irmandade, en público, desde a Alameda até a Quintana, onde atopas esas persoas que non ves en todo o ano. No fondo, o 25 de Xullo é unha estación esperanza máis na viaxe milenaria que vimos facendo cara a esta identidade que nos caracteriza como pobo con conciencia, plural, diverso, inclusivo, feminista e sempre integrador.

Ximena González, Integrante da Marcha Mundial das Mulleres

“Un dos significados do 25 de Xullo é sentírmonos axentes políticos da construción nacional”​

A nivel social debera ter dous significados para o pobo e para a xente organizada. Un é o significado de sentirnos parte dun suxeito político, de sentírmonos axentes políticos da construción nacional. O día no que as galegas nos reivindicamos e nos recoñecemos como axentes políticos construíndo a nosa nación. Por outro lado, penso que temos que mantelo como unha data de celebración e construción da comunidade. A pesar de que hai múltiples actos diferentes, en distintos espazos de Compostela, todos teñen en común que nos fan sentir parte de algo maior que os nosos círculos vitais. Esas dúas cousas deberan ser centrais nas reivindicacións do Día da Patria Galega. Moi por riba das manifestacións, pois penso que cando teñamos unha Galiza independente deberemos manter esa vontade colectiva. Para que a nivel de organizacións e colectivos sociais o día nacional fose cada vez máis fixo -ese día de sentirse parte, de construír comunidade- sería bo camiñar cara a modelos de celebración como o da Diada catalá. Creo que as entidades sociais levando a bandeira da mobilización estes días axudaría a que se fortalecese esa sensación de pertenza, de comunidade, dun xeito máis amplo. Percorrendo ese camiño, que o percorreremos, poderemos sumar máis vontades a ese día nacional.

Olaia Ledo, Integrante da Semente Trasancos

“Todo colle no Día da Patria Galega para unha xornada de vencer”

É un día no que celebramos que existimos, que somos e queremos ser. É un día no que loitamos por todos os dereitos e sentímonos libres por unhas horas. É un día para soñar coa liberdade do futuro. Por iso é o día de todos e todas as galegas: as que veñen, as que permanecen e as que se van, as que son “en si” ou “de si”. É un día de festa e tamén de loita. Compostela faise cerne, a capital da nación oculta pero existente. A capital non só das que reivindicamos a autoestima do pobo galego, senón das que veñen coñecer unha cidade que naceu cunha historia que nos quixeron borrar da memoria, esnaquizar e inventar outra. Unha vez máis, temos que buscar a verdade nós mesmas. Por iso é tan necesario o nacionalismo galego, porque é a ferramenta de construír ese soño colectivo, e por iso o Festigal é un fenómeno social. Porque para conquistar utopías primeiro hai que soñalas. E nós temos unha realidade tanxíbel: a do pobo galego traballador, a das precarias, a do rural que esmorece, a do mar que non deixan pescar, a da emigración... Todo colle no Día da Patria Galega para unha xornada de vencer.

María Pilar García Negro, Presidenta da Federación Galiza Cultura

“Celebramos a nosa vontade de ser e de existir como sociedade libre e soberana”

O Día da Patria Galega xa ten definido e asentado o seu carácter sociopolítico desde hai moitos anos: é o día da “emancipación patria”, por dicelo en expresión de Ramón Vilar Ponte, hai noventa anos. Desde hai máis de corenta, representa a cifra da conciencia nacional galega: o encontro de miles de galegas e galegos que queremos exteriorizar a nosa ansia de pertencermos a un pobo, a unha sociedade que se ama, se respeita e defende activamente os seus dereitos políticos, a vontade dun goberno sobre os nosos recursos e a aspiración, en suma, de que todas e todos poidamos viver e traballar na nosa terra. Resposta a tanta ignorancia inducida sobre nós mesmos e alternativa a unha celebración que nos nega, unxida polo españolismo, o clericalismo e o militarismo. Celebramos non unha efeméride sen máis, senón a nosa vontade de ser e de existir como sociedade libre e soberana, sen pedirmos permiso nen admitir tutelas. A nosa nación non cabe na Constitución española que a aferrolla nunha dependencia letal. Proclamamos ben alto e claro a patria galega: a de Rosalía de Castro, a de Castelao, a de Ricardo Carvalho Calero, a de X. R. Reboiras.

Manuel Vilar, Presidente do Museo do Pobo Galego

“Nun país coma o noso, o 25 de Xullo ten que ser reivindicativo e de reclamo da soberanía”

Nun país normalizado, soberano, o Día Nacional é un día de festa; calquera pode comprobalo, por exemplo, un 17 de marzo en Dublín. Toda festa é un acto social e fai compartir cos demais sentimentos e símbolos, entre eles os de pertencer a unha comunidade. Neste caso é un día no que se celebra o ser unha nación, ser cidadáns. Non é preciso levar unha pancarta para reivindicalo. Igualmente, nunha festa familiar non imos co documento de identidade colgado. Somos. Mais nun país coma o noso ese día ten que ser reivindicativo e de reclamo da soberanía, de sermos cidadáns. Toda festa é tamén unha paréntese no discorrer do tempo, un acto que reivindica volver celebrar. O 25 de Xullo é un empurrón de optimismo colectivo. Para que ese optimismo sexa posíbel, temos que demostrar que os símbolos teñen significado e son compartidos. Mais temos que exteriorizalos, facer ver que hai unhas pautas compartidas nunha vivencia en sociedade. Se a festa é un momento de alegría, fagamos a reivindicación tamén desde o optimismo. A festa é unha necesidade humana, celebrala é dicir que algo importa e ten significado. O 25 de Xullo é a festa que mostra a viveza da sociedade na que vivo.

Víctor Freixanes, Presidente da Real Academia Galega

“Hai distintas sensibilidades e distintas intensidades para entender Galiza”

A sociedade galega, como toda sociedade moderna e democrática, é unha sociedade plural e, por tanto, complexa. Hai sensibilidades diversas. Mesmo diversas maneiras de entender Galiza e de amar o país. Distintas sensibilidades e distintas intensidades. Todas merecen respecto e todas son Galiza. Hai algo que me gusta especialmente na “Alba de Gloria” de Castelao: a súa vontade integradora. Quen son os que desfilan na luminosa Compaña? Persoas e persoeiros da máis variada condición, de distintas épocas e distintas mentalidades, distintas maneiras de pensar e de expresarse, distintas linguas: latín, castelán, galego. A nación constrúese entre todos ao longo da historia. Desde Prisciliano, citado en primeiro lugar, a Ramón María del Valle-Inclán, “aínda non ben descarnado”; desde Alfonso VII e o Conde de Traba ao padre Sarmiento; desde os Irmandiños a Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán. Todos e todas son Galiza, sobre todo esa constelación de luciñas anónimas que xorden de súpeto de todos os recantos do país, homes e mulleres, galegas e galegos anónimos, o pobo, que nos dá razón de ser. Nesa filosofía integradora e plural debemos camiñar.

[Esta información foi publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]