Estes son os 10 parques de bombeiros que carecen de persoal para garantir os servizos mínimos este 25 de decembro

O persoa de Extinción de Incendios mantén desde 15 de decembro unha protesta na Praza do Obradoiro. (Foto: Nós Diario).

Un total de dez parques de bombeiros non garanten na segunda feira deste 25 de decembro os servizos mínimos. Agárdase que algún deles deba fechar ao longo da xornada por falta de persoal.

Galiza dispón de 24 parques comarcais de bombeiros pero 10 deles non contaran hoxe con persoal suficiente para prestar os servizos mínimos. Neste sentido, os sindicatos que agrupan o seu persoal advirten de que algúns deles “corren o risco de verse obrigados a fechar as súas portas”.

Os parques de bombeiros cuxa actividade non está garantida este 25 de decembro dependen dos consorcios de Extinción de Incendios e Salvamento da Coruña, Lugo e Pontevedra. Así, no primeiro caso trátase dos parques comarcais con base en Arzúa (comarca de Arzúa), Betanzos (As Mariñas), Carballo (Bergantiños), Cee (A Costa da Morte) e Santa Comba (O Xallas)

A área de Lugo mantén abertas todas as súas instalacións comarcais de loita contra o lume, agás o centro comarcal de Chantada, onde a Deputación informou de carecer de persoal suficiente para cumprir os servizos mínimos.

A totalidade dos parques de bombeiros dependentes do Consorcio Provincial de Pontevedra non contan con efectivos para prestar os servizos mínimos. Nesta situación, encóntranse as instalacións de Bueu (O Morrazo), O Porriño (A Louriña), Ribadumia e Vilagarcía, ambos na comarca do Salnés.

Os sindicatos representativos do persoal de extinción de incendios da Galiza sinalan que “Ourense, até o de agora, ten previsión de manter todos os seus parques coa dotación mínima para manter o servizo”. Porén, lembran que “é a primeira ocasión nestes últimos 20 anos que a totalidade dos parques de bombeiros galegos non teñen garantidos os servizos mínimos no día de Nadal”.

O mínimo de efectivos para proceder a apertura destas instalacións é de tres persoas. Nesta liña, o persoal dos parques considera a cifra insuficiente para facer fronte as incidencias que poidan xurdir no día a día dos centros.

“En total precariedade”

A representación sindical do colectivo indica que o servizo “se atopa en total precariedade”. A este respecto, insisten que se “tres persoas é un número insuficiente para atender a meirande parte das tipoloxías que atendemos, esta cifra é insultante para atender a calquera vítima nun sinistro”.

As centrais sindicais afirman que “levamos moitos anos defendendo que as dotacións de bombeiros deben ser suficientes para dar un servizo axeitado ás vítimas”. Neste punto, avanzan que “calquera vida que se salve xa xustifica o unha axeita dimensión do servizo de Extinción de Incendios e Salvamento”.