"Non van facer máis negocio comigo; eu só falo cos da rúa, son os que me defenden"

Aurelia Rey nunha foto tirada por Óscar Paris
Aurelia Rey desminte taxativamente o ruxe-ruxe que a situaba este sábado ás dez da noite nun plató da canle española privada Telecinco como convidada no programa El gran debate


Aurelia Rey, a veciña da Coruña ameazada por unha orde de desafiuzamento, desmentiu rotundamente o ruxe-ruxe que a situaba este sábado ás dez da noite no programa El gran debate, que se emite en Telecinco. A canle privada teríalle feito unha oferta que a muller estaría a estudar, segundo a información facilitada en varios medios de comunicación e en foros da internet.

Após prestar testimonio perante a imprensa durante toda esta semana "para que tamén me visen a min na rúa, pelexando", a octoxenaria di que non prestará máis a súa imaxe "nin para televisións nin para xornais que queiran facer negocio comigo. Iso acabouse. Eu só vou falar coa xente que está na rúa, que son os que me defenden". 

As concentracións para paralizar a orde de despexo continuan diante do seu portal, o nº9 da rúa Padre Feijóo da Coruña, unha das máis cotizadas da cidade herculina. Con todo, @s activistas saben que só a propietaria do inmoble, María Pereira, pode retirar a denuncia e frear así a execución hipotecaria. Exixen este paso adiante por parte da familia arrendataria como paso previo para emprender unha negociación "digna e en igualdade de condicións" entre Aurelia e a parte demandante a fin de chegar a un acordo que sexa o mellor para a muller e evite o seu desarraigamento. 

"O Concello ten que tomar cartas no asunto, que están a se lavar as mans"

Aurelia aproveita a chamada de Sermos Galiza para reclamar a colaboración do Concello. "Ten que tomar cartas no asunto, porque se lavan as mans", expuxo a octoxenaria, namentres desde Stop-desafiuzamentos A Coruña, mediante un comunicado de imprensa, manifestan a súa "curiosidade" pola recomendación d@s técnic@s do Goberno municipal ao "aconsellar que a mellor opción é ingresala nunha residencia", tal e como declarou o concelleiro de Servizos sociais, Miguel Lorenzo. A plataforma remarca as declaracións de Aurelia na liña de que "ninguén pode vir arreglar a miña vida" e enfatizan que o persoal técnico do Concello "non mantivo ningunha entrevista" coa muller ameazada polo despexo.

O colectivo cidadán arremeteu tamén contra o Goberno galego e contra as declaracións da conselleira de Benestar, Beatriz Mato, quen dixo que "desde o minuto un estamos traballando para que Aurelia teña unha vivenda digna e unha vida digna". Enfatizan @s activistas e ratifica a propia Aurelia que "ninguén" a chamou en nome da Xunta de Galiza para se interesar polo seu caso.

Di a coruñesa que "non hai moito que negociar porque está todo manipulado" e sen lle preguntar nada ao respecto responde por si propia as informacións en que a cualificaron de "demente" ou enferma da síndrome de Dióxenes: "din que estou tola, mais tola voume poñer con todo este lío que montaron para me botar da miña casa". Á maneira dunha brincadeira, Aurelia di que xa abonda de "shows" e de que lle tiren imaxes: "non cómpren tantas fotos, que eu non son tan guapa".