A Radio Galega di de Aurelia Rey que "só se move por cartos"

Aurelia Rey [Imaxe: Óscar Paris]
Foi este o titular empregado nos informativos da emisora pública para resumir a situación da anciá da Coruña que podería quedar sen casa por demorar no pagamento dun mes de alugueiro. Namentres, o apoio aos bombeiros que non quixeron facer parte do despexo medra e xunta máis de 30 mil sinaturas


"Só se move polos cartos". Foi este o titular escollido na Crónica das oito de onte da Radio Galega para resumir a situación en que se atopa Aurelia Rey, a muller de 85 anos veciña da Coruña sobre quen pesa unha orde de desafiuzamento por demorar no pagamento dun mes de aluguer.

A propietaria do edificio en que mora Aurelia son @s Pereira, moi coñecid@s na cidade por seren don@s de varios locais, para alén desde inmoble ubicado na céntrica rúa Padre Feijóo.

Porén, na radio pública da Galiza centraron a información facilitada sobre o despexo en sinalar que "Aurelia Rey amósase disposta a deixar a súa casa na Coruña se a indemnizan".

Nunhas declaracións tiradas de contexto e reproducidas na Crónica das oito, a muller rexeita a única opción achegada até o de agora polo Concello, o seu ingreso na residencia dos Padres Rubinos, sinalando que prefire marchar "para o meu pobo" e instando a familia Pereira "a que me digan 'toma dez ou vinte millóns e marcha, que queremos o piso'".

"Criminalizar unha anciá de 85 anos"

Para completar a nova, a locutora subliña que Aurora "rexeitou dúas vivendas sociais porque quere un piso no centro" e unhas declaracións da conselleira de Benestar, Beatriz Mato, enfatiza que á anciá "están a se lle ofrecer distintas alternativas e as sentenzas están para as cumprir". Ao fío desta información emitida na radio pública, activistas de Stop-desafiuzamentos A Coruña non dubidan en se revolveren contra o empeño en "criminalizar unha anciá de 85 anos", empeño que observaron xa en varios medios de comunicación que procuran "o sensacionalismo".

As mesmas fontes pregúntanse a que veñen os "comentarios despectivos" en que se pon en cuestión a saúde mental de Aurelia, presentándoa como unha muller "que está mal da cabeza, que ten demencia, que ten a síndrome de dióxenes..." namentres se garda silencio "sobre a parte denunciante, a familia Pereira, ben coñecida na Coruña". Encadran tal postura por parte da imprensa como "unha tentativa de a desprestixiar" e subliñan que a resistencia de Aurelia para ficar na súa casa "só é posíbel tendo a cabeza perfectamente no seu sitio".

Malia cobrar unha pensión non contributiva, Aurelia Rei traballou toda a vida e fíxoo, xustamente, para @s Pereira. Foi a súa costureira. Sobrevive con 249 euros mensais, após restar da súa paga de 375 os 126 que paga polo alugueiro do piso en virtude dun contrato verbal de renda antiga. A familia propietaria do inmoble, que habita no mesmo edificio, argumenta problemas de convivencia. Aurelia recoñéceos, mais asegura que foron moitas as "tropelías" que sufriu para que marchase da casa. Todo isto desde 1999, cando morreu a súa tía, con quen partillaba a casa ao tempo que coidaba dela.

"Non nos moveremos até que non se paralice a orde de despexo"

Desde que recibiu a orde de despexo, manifestou que non quería abandonar o inmoble en que vive desde 1979. Xa daquela pagaba 15.000 pesetas, segundo contou ela propia en conversa con Sermos Galiza. Por tanto, Stop-desafiuzamentos recalca que "o noso obxectivo principal é que se paralice a actual orde e ningunha das propostas emitidas por parte da familia González Pereira abordou esta suspensión". A negociación emprendida non está rematada, como tampouco o está a que se mantén coa Xunta de Galiza, polo que non existe aínda unha proposta en firme sobre as dúas vivendas sociais nas aforas da Coruña que, segundo a Radio Galega, Aurelia xa rexeitou "porque quere un piso no centro". A muller manifestou a súa vontade de ficar na contorna para non rachar coas redes sociais tecidas nos últimos 34 anos.

Malia todo, Stop-desafiuzamentos A Coruña insiste en que a paralización da orde de desafiuzamento é fulcral para estabelecer un diálogo "en igualdade de condicións" en que Aurelia poida valorar todas as ofertas que haxa riba da mesa "sen se achar condicionada pola ameaza de ser expulsa da súa casa". E riba da mesa están as dúas vivendas sociais que o Instituto de vivenda e solo puxo ao seu dispor e a praza na residencia dos Padres Rubinos, única achega do Concello que rexenta Carlos Negreira (PP), a través de Servizos sociais.

30 mil sinaturas piden en Change.org que non expedienten os bombeiros

O despexo de Aurelia Rey estaba marcado no calendario para a segunda feira, día 18, ás dez da mañá. A presión da rúa logrou paralo até en dúas ocasións, pois unha información falsa emitida pola Subdelegación do Goberno español na Galiza sinalaba que a execución hipotecaria ficara suspendida. Menos de media hora tardaron as cinco furgonetas de antidisturbios en se presentar no nº9 da rúa Padre Feijóo para botar da casa a muller. Impedíronllelo a teimosía d@s manifestantes e a desobediencia dos bombeiros, que se negaron a cortar coa radial a cadea que impedía o acceso ao portal.

Os traballadores poderían enfrontarse a unha denuncia por parte da policía española, ao non faceren caso dunha orde. Porén, a solidariedade chegou doutras dotacións de bombeir@s como @s de Madrid e Catalunya e das redes sociais. Unha petición aberta desde Zaragoza en Change.org supera xa as 30.000 sinaturas. No distrito en que reside Aurelia os desafiuzamentos execútanse nas segundas e nas cuartas feiras polo que, coa lei na man, ficaría aprazado até a semana que vén. Con todo, e após o episodio vivido o día 18, en Stop-desafiuzamentos non as teñen todas consigo: "seguiremos aquí namentres a orde non se paralice de maneira definitiva".