O TSXG non vai paralizar o despexo de Aurelia: "o problema social é alleo ao xudicial"

O presidente do Tribunal, Miguel Ángel Cadenas, di que "ninguén pode escoller que leis cumprir" e fai extensíbel esta declaración non só á comisión xudicial encarregada da execución hipotecaria, senón tamén a policía local e bombeiros


O presidente do Tribunal superior de xustiza de Galiza, Miguel Ángel Cadenas, vén de recoñecer que existe "un problema social subxacente" nos despexos. Con todo, considerou que "ninguén pode escoller que leis cumprir" e subliñou que executar unha sentenza firme como a orde de desafiuzamento que pesa sobre Aurelia Rey "é algo habitual, normal e obrigatorio".

Respecto da reclamación da plataforma cidadá Stop-desafiuzamentos de que se paralice a execución hipotecaria para negociar se Aurelia marcha ou non da vivenda propiedade da familia Pereira, dixo Cadenas que "non é posíbel exixir dun órgano xudicial" tal maneira de actuar pois "o problema social é alleo realmente ao xudicial".

Ao fío, recalcou que "o dereito a escoller non existe", máxima que fixo estensíbel á comisión xudicial encargada de executar a orde, mais tamén á policía local e aos bombeiros. As dúas unidades de bombeiros que non quixeron colaborar no despexo de Aurelia, fixado para esta segunda feira, día 18, recibiron o apoio de milleiros de sinaturas de todo o Estado a través dunha petición aberta en Change.org