Fins Eirexas: ''Galiza fornece materias primas e recibe impactos''

[Imaxe: X.L. Blanco]
Coa axuda do secretario executivo de Adega repasamos a normativa que se está a aplicar no País en materia de minaría. A lei aprobada en 2008 polo bipartito foi a primeira após 1973, mais fica gardada nun caixón. Eirexas reclama qu se aplique, e que desde a Xunta se mova ficha para que os nosos recursos os explotemos nós


Pregunta:
Como está a lexislación en materia mineira? Que pasa coa lei de 2008, aprobada durante o goberno bipartito?

Resposta: Esa lei veu clarificar unha serie de cuestións que a lexislación española —de 1973— non contempla, sobre todo no relativo á restauración e ao desenvolvemento da actividade en consonancia coas restricións ambientais e de uso do territorio. Desde o punto de vista ecoloxista, podía ser máis ambiciosa, mais a idea era esa: xa que a minaría ten un peso importante no PIB galego, termos un marco normativo propio. Agora ben, as leis hai que ter vontade de as aplicar!

P: Non se aplica, logo?

R: [ri] Non. A actual Xunta en absoluto ten vontade de aplicala. Hai toda unha enxurrada de proxectos mineiros que veñen explotar non tanto rochas industriais como a lousa ou o granito, senón minerais estratéxicos, como ouro de Corcoesto. E non será esta a única iniciativa, xa que o cinto aurífero que vai de Malpica a Tui está a ser obxecto de investigacións, por estar moi alto o prezo do ouro no mercado e ser un investimento seguro.

O proceder de Feijóo é unha fotocopia do que aconteceu na II Guerra Mundial co volframio: somos fornecedores de materias primas e receptores de impactos. Grandes multinacionais pregadas aos intereses estatais e, naquela ocasión, do nazismo. Agora, neste novo modelo de neocolonialismo mineiro, o que hai son grandes transnacionais que operan en países onde a lexislación ambiental xa nin existe e veñen a outros, como o noso, con políticos propensos a vender estas iniciativas como falsamente xeradoras de postos de traballo e ambientalmente inocuas. Se Feijóo tivese intención de aplicar a lei exixiría, por exemplo no caso de Corcoesto, un seguro de responsabilidade civil como garantía de que un accidente derivado do uso do cianuro non lle saíse de balde a Edgewater.

P: Ollemos cara ás Pontes e o proxecto de recuperación de Endesa. Houbo restauración do dano causado?

R: O das Pontes é un exemplo paradigmático do 'colle o recurso e corre'. Endesa, estatal no seu momento, recolleu os beneficios e deixou emisións de dióxido de xofre e un impacto paisaxístico enorme. Para a restauración tiraron cara ao máis barato [ri] Que fixeron? Deixar encher a mina de auga, e como non enchía rápido abondo enchufáronlle o Eume! Un río que poucos quilómetros máis abaixo rega un parque natural.

Facerlle un bypass ao Eume e crear un macrolago usando gratis un recurso público, a auga. Endesa decidiu experimentar obviando o problema hídrico e sen ollar as consecuencias de colocar non un lago senón unha balsa ácida de 250 metros de profundidade e 12 quilómetros cadrados enriba dunha falla activa. A culpa é dunha empresa con mentalidade colonial e dunha Xunta que mirou sempre cara ao outro lado.

P: Visitou Corcoesto en 2011. Agora que viu o proxecto completo... recolleuse algunha das recomendacións?

R: O proxecto previo tiña moitos ocos aínda. Atendía ao tipo de explotación, ao volume de recursos... mais non estaba detallada a restauración nin das afeccións ambientais. E após revisarmos o proxecto definitivo atopámonos con que ambas as cuestións seguían sen resolver. Por exemplo, o modelo de explotación: ceo aberto e cianuro. Alternativas? Minaría soterrada como a das minas máis famosas da Galiza, as de Sanfinx —Lousame—. Por suposto, hai reactivos moito menos tóxicos que o cianuro, que está rexeitado polo Parlamento europeo. E tamén aquí hai fallas activas que non se contemplaron.

P: Cómpre un proxecto mineiro para crear emprego e frear o despoboamento?

R: [sorrí] Nós imos precisar explotar eses recursos. É evidente. Mais deberiamos facelo nós, a través dunha empresa pública, para que os réditos sociais fosen maiores que catro empregos en precario. Mais sería insolidario facer ouvidos xordos das explotacións de litio e coltán que temos, por exemplo, pensando en que xa nos fornecerá o Congo, sabendo que alí son minerais de sangue.