Máis unha maré clama ''saúde!'' para a educación e a sanidade públicas

Miles de persoas botáronse á rúa este domingo en Compostela en contra dos recortes que poñen en xaque os dereitos sociais



Dixo Xurxo Souto, voz e acordeón daquela 'banda de tres pesetas' que lle chamaban Os Diplomáticos, que a tesourada aos dereitos sociais que estamos a vivir na Galiza a golpe de decretos redactados en Madrid foi ben anticipada polo Zeca Afonso cando cantaba aquelo de Eles comem tudo e não deixam nada.

El@s eran vampir@s que chuchaban o sangue fresco da manada, e contra el@s unha maré de xente botouse este domingo ás rúas en Compostela, convocad@s por SOS Sanidade Pública e pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público: "A resposta está en nós, e non temos medo! Non imos recuar un ápice nos nosos dereitos", advertiu Souto desde un púlpito improvisado nas escaleiras da Quintana, onde rematou a manifestación que andou as rúas da capital galega e na que participou até un 'cabezudo Feijóo' armado cunhas tesouras de tamaño importante.

RD 14/2012 e 16/2012, contra os dereitos sociais
E é que, coa crise por bandeira, dous decretos aprobados nas últimas semanas en Madrid causaron unha ferida mortal ao dereito á sanidade e á educación públicas.

Un deixa fóra da atención sanitaria ás persoas migrantes que non teñen regularizada a súa situación; exclúe tamén a tod@s @s maiores de 26 anos que non teñan contribuído ás arcas da Seguridade Social, vinculando así o dereito a gozar dun dereito coa obriga de contar cun emprego remunerado; e introduce o repagamento dos medicamentos, medida que afecta fundamentalmente a pensionistas e enferm@s crónic@s.

O outro suporá un incrementos nas ratios do alumnado por aula até 30 en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato; nos dez primeiros días lectivos de cada baixa o profesorado non será substituído; elimina o requisito de ofertar dúas modalidades de Bacharelato, ficando o centro escolar facultado para escoller impartir unha soa modalidade; atrasa a implantación de ciclos de formación profesional; e, despois de endurecer as condicións para acceder a unha bolsa de estudos ou para a conservar, proponse un incremento das taxas universitarias que podería ser do 66%.

Saúde fronte ao negocio, dereitos fronte á beneficiencia
"E se outr@s queren negocio nós queremos saúde! E se outr@s queren beneficiencia nós queremos dereitos!", berrou Souto dirixíndose a unha praza ateigada de xente na procura dunha sombra na que refuxiarse. Uxía, Magín Blanco e Sés puxeron voz ao himno de SOS Sanidade Pública, unha versión da Rumba das Apertas que bailaron até as faixas das organizacións. Patricia Vázquez fixo de mestra de cerimonias tamén, e contra a "violencia desas serpes e cans que nos queren calar" cantou Sés, e cantou ben.

E Nicolasa movíase dun lado para outro. E María. E Xoel. As súas son tres historias máis no fumareu que este domingo encheu a Quintana. @s tres percorreron un longo traxecto até chegar á capital de Galiza, desde Pontedeume, Ourense e A Mariña. Quixeron estar para mostrar o seu rexeitamento a dúas normas "que están a desmantelar uns servizos públicos que son fundamentais" para Nicolasa, igual que o son para as miles de persoas que fixeron parte da mobilización a prol dunha Sanidade e dun Ensino públic@s.

"Saúde!" pediu Souto para estes dous dereitos e para os medios de comunicación públicos --o músico de Montealto participou na presentación na Coruña da plataforma Mira por elas! en defensa da radio e da televisión nacionais--. Coa crise como argumento "en todo furan, en todo fozan", clamou o que foi voz do Aberto por Reformas, cando a música galega e en galego se facía ouvir na emisora pública. "Ao meu irmán non quixeron atendelo no ambulatorio, e xa non é de agora, xa foi hai dous meses. Tiña o cartón sanitario cancelado porque estaba desempregado e non cotizaba", contou un enérxico Xoel, que di ser quen de anticipar o epílogo do libro das tesouradas ao público: "vannos deixar sen nada".

''Non teño dereito a estudar porque non son filla de ricos?''
María é estudante, e quéixase de que, nun estado "democrático" --a moza válese dos seus dedos para cuestionar o carácter democrático do Goberno español colocándolle unhas aspas-- a maioría absoluta dunha formación políca "sexa escusa dabondo para gobernar en contra dos intereses do pobo". Alén de afectarlle o RD 14/2012 por ser estudante, aféctalle tamén porque é bolseira. Sabe ben que a norma torna máis severas as condicións para acceder a esa axuda e "eu non podo permitirme unha carreira, son filla de obreiros. Que fago? Non teño dereito a seguir porque non son filla de ricos?", pregunta para si propia, sen intención algunha de recibir unha resposta que xa coñece.

E mentres, desde o micro, Patricia Vázquez acórdase de deus --"a Igrexa non ten que pagar o Ibi... agardo que cando enfermemos nos curen con 'padrenuestros'"-- e d@s ausencias --"non vexo aquí bandeira ningunha do PP, malia que tamén ás súas e aos seus pensionistas lles van cobrar polos medicamentos"--. A loita por manter a Sanidade no eido público "non remata", di a actriz, e anuncia outra mobilización para o domingo que vén ás oito do serán. Será no Barco de Valdeorras. Xa o dixo Sés, é tempo de tempestades de sal. E hai que aturalas.


Con cadansúa faixa, nas escaleiras da Quintana estiveron representadas varias pólas de SOS Sanidade Pública, como a do Barbanza, a do Salnés ou a da Mariña; asociacións de nais e pais, CC.OO, CIG, CIG-Ensino, Esquerda Unida, BNG, Comités, Galiza Nova, Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, Liga Estudantil Galega, STEG, Máis Galiza e a Plataforma galega de profesionais da Drogodependencia e outras Condutas Aditivas. O PSOE, que tomou parte na manifestación, non se presentou para a foto finish.