SOS Sanidade Pública: 'Someten os intereses da cidadanía aos intereses do mercado'

Manuel Martín deu lectura ao manifesto de SOS Sanidade Pública
A Plataforma pensa que o Goberno está a facer unha “contrarreforma” para acabar coa Sanidade Pública

Ao remate da manifestación Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, procedeu a ler o Manifesto da Plataforma no que repasaban as últimas decisións do goberno do PP e o que consideran unha actuación que pretende “ someter os intereses da cidadanía aos intereses do mercado” e “atenta contra os dereitos máis básicos da nosa sociedade”. Segundo SOS Sanidade Pública estamos diante dunha “contrarreforma na Sanidade Pública” que será “un negocio máis da dereita” que define moi ben o camiño que o Partido Popular  segue “cos grandes grupos financeiros”. No manifesto deixan claro que o goberno galego “coa fórmula da crise tentan convencernos de que é insostíbel e de que gastamos moito en sanidade, cousa que é mentira”. Como conclusión desde SOS Sanidade Pública cren que os actuais xestores “pretenden acabar con ela”.

SOS Sanidade Pública: “A crise non a creamos o sector traballador e agora pretenden que asumamos o gasto”

Outro dos puntos que denuncian no manifesto foi a “perda do carácter universal do noso sistema sanitario”. Segundo denuncian, unha boa parte da poboación quedará sen posibilidade de contar coa asistencia gratuíta. Ademais desde a Plataforma lembran que agora os pensionistas deberán pagar polos fármacos que precisen, xusto na Galiza onde temos as pensións máis baixas do Estado". Consideran que é un “novo imposto” que pasa por unha necesidade en tempos de crise.

A privatización de certos servizos da Sanidade Pública foi outro dos temas que apareceron no manifesto. Para a Plataforma este sistema “empeora a calidade da atención ao público”. Moitas destas medidas teñen “escasa repercusión para as rendas altas mais son catastróficas para as máis baixas”, sinalan desde SOS Sanidade Pública. “A crise non a creamos o sector traballador e agora pretenden que asumamos o gasto”, denuncian.  

A Plataforma rematou o seu manifesto pedindo que sexa toda a cidadanía a que se manifeste “xa que tamén activaremos outras plataformas como as de Ensino Público, a de Profesionais que atenden trastornos Aditivos, a de Arte Escénica, colectivos veciñais, e moitas máis”.