Os sectores da Cultura e o Ensino participaron cun manifesto na Quintana

Suso de Toro leu o manifesto de apoio asinado polo mundo da Cultura
O apoio do outros sectores que están a ser protagonistas dos recortes dos gobernos de Feijóo e Rajoy lembraron que a política da dereita tamén lles afecta.

Suso de Toro foi o encargado de ler un texto en apoio á Sanidade Pública no que deixou claro que “é cousa de todos, non son un problema único dos traballadores e traballadoras da sanidade, son un patrimonio social” . O apoio de todo o sector da cultura, presente tanto na manifestación como logo na Praza da Quintana, quedou patente nas verbas finais do escritor ao referirse, cunha imaxe ben gráfica, ás declaracións do presidente da Xunta sobre o que é a sanidade pública. “Quen di que facer a cama a un paciente e darlle de comer non é sanidade pública, non é o mesmo que operalo do corazón. Quen di unha cousa así seguramente a continuación escacha a rir imaxinando aos doentes que non podan pagar o restaurante do hospital polos corredores cun prato na man rumbo ás cociñas. O que están imaxinando para nós son cousas grotescas, propias de mentes retorcidas”.

“O ensino non é unha mercadoría, é un dereito de todos e todas”

A Plataforma polo ensino tamén quixo estar presente e ler un manifesto en defensa deste sector. “A comunidade educativa galega manifestamos o noso rexeitamento ao proxecto lei do goberno español que invade as competencias da Xunta”. As súas reivindicacións, compartidas pola xente que encheu a praza, resumíanse nunha frase, “O ensino non é unha mercadoría, é un dereito de todos e todas”. Para o sector do Ensino “nun momento de crise económica compre fortalecer os servizos públicos” e non “queimar libros de texto en galego e non cubrir as baixas do profesorado”. A Plataforma pensa que estas actuacións do goberno de Feijóo “producirán un aumento do fracaso escolar”. Remataron a súa intervención exixindo “que o goberno galego actúe como tal” e defenda os intereses da cidadanía.