EX MINISTRO DE CULTURA, VIVENDA E TRANSFORMACIóN REVOLUCIONARIA DE VENEZUELA

Farruco Sesto: “Estamos sufrindo unha guerra económica e outra mediática”

Farruco Sesto [Foto: C.L.]

No número 148 do semanario Sermos Galiza -a piques de saír do prelo, a quinta feira 4 de xuño nos pontos de venda habituais-  entrevistamos Farruco Sesto, arquitecto, escritor, profesor e protagonista da revolución venezuelana, un galego de Vigo que se define como un “poeta bolivariano”. Eis un avanzo da conversa.

 

Francisco de Asís Sesto Novas (Vigo, 1943) prefire que lle chamen Farruco. Fica por uns días de volta na Galiza, a terra onde naceu, pero recoñece que a cabeza e o corazón están en Venezuela, emigrado con 18 anos. Este arquitecto, escritor, profesor e protagonista da revolución chavista, defínese como un “poeta bolivariano”. Durante once anos estivo na primeira liña política, como ministro de Cultura, Vivenda e de Transformación Revolucionaria. “Uns anos moi esgotadores”, recoñece. Hoxe reparte o seu tempo na formación de novos cadros do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e na divulgación da figura de Hugo Chávez desde o Instituto de Altos Estudos do Pensamento do Comandante.

"As revolucións non son sinxelas e historicamente foron violentas. Venezuela aspira a unha revolución verdadeira en paz"

- Hai quen aseguraba que a revolución non superaría a morte de Chávez. Foi así?

- Inda que o botamos moito en falta, o pobo seguiu avanzando cos seus propios dirixentes. Quedaron as súas ensinanzas, non só teóricas. El insistía en que o pobo é soberano e a tarefa dun goberno revolucionario pasa por transferir ese poder ao pobo. E o pobo venezuelano está empoderado. Unha frase que repetía nos últimos anos era que Chávez xa non era Chávez; era un pobo, unha maneira de pensar e ver o mundo. De feito non lle gustaba esa definición de chavismo, para el eramos bolivarianos. Mais non se pode negar que a súa influencia foi enorme na historia. Cambiou o concepto de política e de América Latina. As revolucións non son sinxelas e historicamente foron violentas. Venezuela aspira a unha revolución verdadeira en paz. Pero quen domina as estruturas de poder non quere que o desaloxen, que lle quiten os seus privilexios. A revolución segue avanzando malia os obstáculos.

- Cales son as maiores dificultades?

- Estamos sufrindo unha guerra económica e outra mediática. Ten unha explicación histórica. As burguesías venezuelanas sempre foron parasitarias. Viviron do xogo da importación e non de producir bens. Mentres en países como Brasil ou Arxentina adicaban os seus recursos a crear industria, aquí non aportaban nada. Apropiábanse dos recursos que entraban polo petróleo e das divisas. Aí está o pulso. Presionan para quedar con todas as divisas para facer os seus negocios, as mesmas que precisa o goberno para os problemas básicos. A situación recorda unha frase de Kissinger que chamaba a facer ranxer a economía chilena antes do golpe contra Allende. Ogallá que siga así en Venezuela, sen violencia, porque imos derrotala. O reto é transformar un país de cultura rendista nun país produtivo. Todo mentres pasamos do capitalismo ao socialismo.

A íntegra desta entrevista fai parte do número 148 de Sermos Galiza, que sairá do prelo esta cuarta feira e estará ao voso dispor esta quinta feira 4 de xuño nos pontos de venda habituais (na nosa loxa, xa o teredes esta mesma noite)