Atizando o lume da nosa tradición: As recollidas na nova música galega
A tradición está máis viva ca nunca, iso sentín eu na última Foliada da Fonsagrada. Sentino eu e centos de persoas amantes do folclore que, sen importar o frío decembro, alí estabamos ateigando as rúas da fermosa vila, cantando e bailando. Pero fundamentalmente, este bo momento que viven as nosas músicas, é cousa dunha nova xeración de artistas que están a revolucionar o panorama musical galego. Falamos por suposto de Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures, Mondra, Caldo…
Todas elas beben da tradición e da lírica popular e mesturan a súa proposta cos ritmos máis actuais, logrando notoriedade con proxectos orixinais, arriscados e sempre necesarios. Grazas a Fillas de Cassandra ou a Tanxugueiras, a xente nova estase a enganchar ao galego dun xeito moi orgánico e non só iso, senón que grazas á visibilidade que elas lle dan á pandeireta como peza angular na súa imaxe, moita xente, de todas as idades, quere aprender a tocala ou a bailar. Non hai máis que ver a cantidade de alumnado novo que recibiron asociacións culturais como Donaire, na Coruña.
Hai anos vin unha pintada nunha parede azul que presaxiaba algo así…"Morreremos, si, mais as pandeiretas vingarán a nosa morte!!". Non sei se nos vingarán, non creo na vinganza, pero unha cousa é certa… xa era hora de que as pandeiretas tomaran o seu lugar na música e na sociedade galega. E cando dicimos pandeiretas, pensamos evidentemente, nas mans das nosas avoas, nas mans das mulleres que nos coidaron, das mulleres tocadoras, das informantas, das gardiás da tradición… por fin chegou o día para reivindicalas, para homenaxear o tesouro que gardaron para nós e que coñecemos grazas ás famosas recollidas.
(Se non estás familiarizada ou familiarizado con este termo, tes que saber que nos anos oitenta e noventa houbo un grupo de homes e mulleres valentes que foron porta por porta en busca de cantareas e músicas, e que se preocuparon de organizar e transmitir todo ese material).
As recollidas seguen estando de actualidade hoxe máis ca nunca, e seguen sendo a fonte máis fiel para a creación musical contemporánea. Diso saben moito as rapazas e rapaces de De Ninghures, que están dando un golpe na mesa coa súa proposta fresca e cun directo vibrante, no que reinterpretan a tradición e que aseguran "non ter medo de rachar co purismo". "Evolucionar ou morrer, ese é o lema. Adaptarse aos tempos foi sempre a norma na música, e seguirá a selo".
Non adorar as cinzas
Falando con Adri Méndez, compoñente de De Ninghures e ademais etnomusicólogo, sinala que a pesar de que a cadea de transmisión deste patrimonio musical e oral xa rompeu na xeración anterior, a xente nova segue tirando de recollidas para crear e adaptar o folclore aos novos tempos. Xa sexa mantendo a estética da lírica popular, como fan as Tanxugueiras, ou creando novas formas musicais adaptadas ao folclore. "Xa o facían os gaiteiros da Fonsagrada nos seus tempos, que se deixaban influír nas súas melodías polas músicas de Antonio Machín ou Antonio Molina que escoitaban na radio. Non podemos pór a tradición nunha vitrina, ten que evolucionar para que siga adiante e adaptarse aos tempos". E engade moi certeiramente Adri: "Non debemos adorar as cinzas, senón manter o lume atizándoo".
"Atizar o lume" é abrirse a novos estilos e ritmos, é conquistar novas terras. É evidente que estamos asistindo a unha "folclorización" da escena musical, e non só o estamos a vivir nós, senón que a nivel estatal tamén se están dando a coñecer outras propostas de artistas que mesturan a súa tradición ou incluso, se imos máis lonxe, o propio Bad Bunny reivindica as músicas do seu Puerto Rico natal no seu último disco.
Desde aquí inicio unha investigación sobre as pezas que conforman o éxito das nosas artistas máis novas e creo que teño unha primeira conclusión: Partimos dun folclore rico e en bo estado de saúde, despois combinamos esta tradición coas músicas actuais máis representativas, a clave é a reinterpretación da tradición pero non a copia literal. E o último factor decisivo, o que ti tamén estás pensando: as redes sociais. Velaí está a mai dos merlos… As redes sociais (e a industria musical en si) cambiaron o perfil artístico, igual que tamén cambiaron as formas de conectar co público e os formatos da edición musical. As redes sociais ofrecen a visión dun perfil de artista poliédrico, cun aparente contacto directo e non só da súa vida musical senón tamén de todo o extramusical. (Mirade se cambiou o conto que sendo eu máxima fan de Berrogüetto, sabía as cancións, pero apenas coñecía os nomes dos integrantes).
Nas plataformas dixitais é onde está todo, con mellor ou peor calidade; as redes sociais dan voz e fan que a información flúa moito máis rápido. Chegan a nós, a través de calquera canle, imaxes e vídeos de bailes que moitas artistas comparten de forma directa e incluso tamén moitas recollidas. Aí é onde suceden as combinacións, as influencias e os contactos hoxe en día.
Como non podía ser doutra forma, tamén as propias recollidas están a ser compartidas nas redes sociais, están buscando a súa canle de forma natural, para chegaren o máis lonxe posíbel. Mostra diso, é o inxente arquivo dixital do APOI.
Xanela ao pasado
Hai que ver as recollidas, como unha "xanela ao pasado", apunta Miguel Vázquez, músico e produtor audiovisual. "Os que tivemos oportunidade de vivilas tivemos moita sorte non só de aprender de primeira man a tradición, senón de crear vínculos coas informantes. Ás veces, cando íamos ás casas a tomarlles o café, até o musical quedaba nun segundo plano".
Miguel viviu xa bastantes recollidas que fixo para o grupo Xacarandaina e despois para recompilar un arquivo propio. Na súa experiencia, cree que estamos vivindo os últimos tempos destas recollidas xa que, por idade, as informantes van pasando a mellor vida e tamén porque a xente maior acode ás escolas e asociacións culturais e iso pode prexudicar os saberes tradicionais dunha zona concreta.
Ales Míguez sinala que "ir de recollida non é un traballo, é case unha forma de vida. Hai meses no verán en que se nos vai un pouquiño a olla e imos todos os días. E aínda que non graves nada e non che toquen a pandeireta ese día, estar coa xente maior e que che conten como eran os tempos de antes e as súas experiencias… xa volvemos cheos para a casa".
Para Xurxo Fernandes, mestre pandeireteiro e investigador da música tradicional, a maioría dos tesouros da nosa terra non se coñecen, unha gran parte perdeuse e os que conseguiron saír á luz, fixérono grazas a que unha persoa estranxeira puxo neles a súa atención.
Pensamos, por exemplo, no arquivo galego de Alan Lomax que pasou pola Galiza dos anos 50, ou máis tarde nas recompilacións que fixo Dorothé Schubart acompañada por Antón Santamarina.
Grazas á súa dedicación, traballo e curiosidade naceron os primeiros grandes arquivos de recollidas. Pero cabe sinalar que aínda queda moito material por dixitalizar, organizar e compartir. "Temos unha tradición viva e moi rica, dá bastante pena que os que nos dedicamos a isto non poidamos ter acceso a todo o material, xa que é un ben patrimonial", sinala Miguel.
Unha cuestión de amor
As que nos criamos no folclore sabemos que todo é, sempre, unha cuestión de amor. Que o cantar e o bailar vai unido á querenza. Querenza a un lugar, a unhas persoas ou á sensación marabillosa que che dá bailar ou cantar en grupo. Durante moitos anos tivemos que escoitar que as gaitas e as pandeiretas eran instrumentos de segunda (ou terceira), vivimos tempos de escuridade case total en canto á escena musical, pero aquí están. Aquí están as cantareas das nosas vellas sendo reivindicadas no día das Letras Galegas. Non nos colle máis orgullo.
E despois que? Estamos vivindo unha moda ou realmente este "boom" da música tradicional vai acabar pasando como outras veces?
Adri Méndez opina que non, "sempre houbo subidas e baixadas, pero este momento que estamos a vivir está tendo moita forza, estase transmitindo a nosa tradición e chegando moi lonxe".
Miguel Vázquez engade que "desde hai uns anos estamos moito máis conectados co folclore grazas a proxectos que están sendo recoñecidos masivamente" e que "non hai mellor forma de achegarse á tradición que a través das escolas e asociacións culturais, xa que reproducen un folclore moi fiel".
"A tradición está viva e temos unha gran sorte, a cadea de transmisión soldouse con nós", asegura Adri Méndez, "pero agora a forma de transmisión é diferente".
Quizais as novas recollidas consistan en ir buscando eses "casetes e cintas" que quedaron no esquecemento nalgunhas casas de gaiteiros, pandeireteiras, violinistas… que se gravaron moito. Tal vez xa non exista maquinaria onde reproducilas, ou simplemente xa non interesan, pero está demostrado que sempre haberá quen lle dedique un pouco de tempo e sobre todo amor para recoller estas músicas.
Esperanza
É evidente que grazas a esta moda, a esta busca das raíces, a esta mestura do novo e do vello, estamos a construír unha nova identidade cultural. Se cadra unha Galiza máis orgullosa da súa tradición, máis plural e máis aberta tamén. Na que collen perspectivas novas para quitarnos de enriba os prexuízos, os macro e micromachismos da lírica popular, e outros aspectos que non vale a pena seguir mantendo. Dan conta diso iniciativas como "Andar cos tempos" ou o Festival Agrocuir da Ulloa, e que oxalá xurdiran máis iniciativas así para vivir a tradición con liberdade e orgullo.
E si, despois deste día das Letras adicado á memoria das nosas cantareiras, ábrese un camiño de esperanza. Hai unha nova xeración disposta a seguir transmitindo as nosas músicas, pero cómpre tamén coidar do noso patrimonio inmaterial do mellor xeito posíbel: as institucións deben tomar partido e garantir que todo este legado que atopamos nas recollidas sexa accesíbel para todas as persoas. Para iso é fundamental que doten de recursos suficientes (humanos e dixitais) os arquivos.
E tamén esperamos que chegue (outra vez) o momento en que asociacións culturais, compiladoras e compiladores e institucións, senten a negociar sobre cal é a mellor forma de contentar a todas as partes implicadas. É bastante difícil, pero non imposíbel. Ese tamén será un día glorioso para a nosa tradición oral e musical.
Desde aquí desexo que pasedes un bo día das Letras, que cantedes moito, que faledes cas vosas velliñas, que atopedes tesouros e sobre todo que os coidedes, seguide "atizando o lume" da nosa tradición.
E non hai mellor despedida, que despedirse cantando:
Para cantar ben, as Maruxas,
Pra cantar mellor, as Manoelas,
Vivan todas as cantoras
Que unhas i outras son boenas!