Un novo amencer no deporte galego

Centos de rapaces e rapazas loitan diariamente por progresar e conquistar novos triunfos na Galiza. Diversidade, tolerancia e sacrificio son os valores que mellor definen esta nova xeración de deportistas que non coñece límites.
Alicia Castillo. (Foto: Cedida)
Alicia Castillo. (Foto: Cedida)

A elite do deporte galego está a piques de rexistrar o ingreso de novos membros. Na Galiza comeza a despuntar unha nova xeración de deportistas infatigábeis que traballa arreo para cumprir os seus soños e quizais algún día, quen sabe, conquistar o ceo. Hoxe todas as disciplinas deportivas, desde o atletismo, até o xadrez, pasando pola ximnasia rítmica, viven o ascenso de novos referentes. Os máis novos, alén dos desafíos físicos, enfróntanse co auxe das redes sociais, a persistencia de prexuízos e a exixencia académica de colexios e institutos.

COSME GONZÁLEZ forma parte desa fornada. Este atleta de Ames (comarca de Compostela) de 16 anos vén de gañar o ouro no Campionato individual masculino de ximnasia rítmica estatal, que tivo lugar en Guadalaxara  (Castela-A Mancha) no mes de abril. González, que xa participara noutras competicións aínda que na categoría de equipo, recoñece que foi un logro importante na súa incipiente traxectoria: "Fun moi feliz, cando saíu a nota abracei a miña adestradora e fiquei abraiado porque non o agardaba". A súa historia de amor coa ximnasia rítmica xurdiu cando tiña apenas sete anos. "Díxenlle á miña nai que quería adestrar e competir e ela propúxome apuntarme no Club Deportivo Ximnasia Rítmica de Compostela", relata.

Aínda hai moitos prexuízos na ximnasia rítmica

A disciplina e o temperamento que adquiriu ao longo da súa traxectoria son os seus dous mellores aliados na competición. González non só loita contra as barreiras físicas do seu deporte, senón que tamén ten que lidar cos prexuízos que aínda persisten na sociedade. Historicamente, a ximnasia rítmica estivo máis ligada ás mulleres. Por esa razón, aínda que a situación mellorou, os ximnastas masculinos continúan sufrindo discriminación: "Os prexuízos veñen de fóra do deporte, dentro xa está máis normalizado ver rapaces".

A xadrecista ALICIA CASTILLO é outra desas valentes que desafían os esquemas convencionais impostos pola sociedade. Esta pontevedresa de 12 anos non ten ningunha compañeira nas súas clases de xadrez dos venres pola tarde, mais esa diferenza de xénero non lle impide gozar de cada partida fronte ao taboleiro. "Chama a atención o feito de que haxa tan poucas rapazas nesta disciplina", admite. Comezou a xogar ao xadrez hai un par de anos, despois de que uns compañeiros da súa clase lle ensinasen un libro de problemas que lles deran na Escola de Xadrez de Pontevedra. Daquela os seus pais apuntárona nese mesmo club e aí comezou a súa progresión. En abril proclamouse campioa galega sub-12 por vez primeira.

Castillo resalta o papel que desempeñaron a súa familia e os seus mestres no proceso de aprendizaxe: "Na competición hai momentos moi duros nos que, se non tes o apoio do teu círculo, non te ves con forza para continuar". Ese apoio ten aínda máis peso no xadrez, unha disciplina deportiva na que a mente é a protagonista. Respecto á visibilidade que ten o xadrez na Galiza, Castillo lamenta que non se valore como merece: "A xente subestima o xadrez porque non é un deporte físico". Neste sentido, opina que figuras como Rei Enigma —un creador de contido sobre xadrez— e producións audiovisuais como Gambito de dama contribuíron nos últimos tempos a promocionar e dignificar esta disciplina entre a mocidade.

Do céspede ás pistas

Entre a ampla diversidade de deportes que existe, hai un que destaca por ser o alicerce doutras disciplinas: o atletismo. Na Galiza, a tradición neste deporte remóntase a comezos do século XX. En 1927 naceu a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, unha organización histórica que foi distinguida co recoñecemento ao Mellor Club da Galiza consecutivamente durante catro anos (de 1994 até 1997) e que permanece na división de honra estatal desde 2007. Neste club, GUILLERMO PIÑEIRO é un dos talentos que emerxe con máis forza.

Este atleta pontevedrés de 16 anos logrou en 2024 dous récords galegos: na proba dos 60 metros valos e na dos 100 metros valos. Aínda que o atletismo no foi o primeiro deporte que practicou, agora está convencido de que este era "o seu camiño". Antes de 2020 xogaba ao fútbol, mais coa chegada da pandemia as restricións de capacidade non permitían practicar deportes de equipo e decidiu probar sorte co atletismo. "Gustoume e xa non volvín a fútbol", lembra. Desde que comezou, ademais dos logros tamén houbo momentos amargos, como o ano pasado cando sufriu apofisite isquiática, unha lesión moi pouco común entre deportistas novos. "Meus pais foron quenes me axudaron a recuperarme", destaca.

Piñeiro asegura que o atletismo galego ten "un gran potencial". Un dos seus referentes, Adrián Ben, logrou hai pouco un brillante sexto posto na final dos 1.500 metros no Campionato do Mundo Indoor de Nanjing, na China. Por outro lado, Piñeiro sente mágoa pola "escasa visibilidade" que ten o atletismo: "Debería promocionarse máis na Galiza". Así e todo, admite que o Concello de Pontevedra realiza un bo labor en canto á organización de competicións: "O estado das instalacións é bo; ademais, hai pouco volveron pintar as liñas da pista". A cidade do Lérez acolleu o 26 de abril o arranque da Liga Iberdrola de Atletismo.

Da Galiza ás estrellas

Os deportes de equipo tamén impulsan novas promesas do deporte. FERNANDO FARIÑA é un dos mellores exemplos de compañeirismo e traballo en grupo. Desde 2016, este rapaz de 15 anos xoga ao baloncesto no Estudantes Pontevedra, onde logrou ser campión galego de minibasket en 2022 xunto co seu equipo, do que foi capitán. Ademais, ese mesmo ano Fariña foi seleccionado para o combinado galego que representou a Galiza no campionato estatal de autonomías, no que logrou o terceiro posto. Para el, o máis importante é o apoio entre compañeiros: "O equipo é un grupo de amigos, tamén fóra da cancha". Aínda non pensou a que se quere dedicar máis alá do deporte, aínda que, á vista dos seus resultados, sexa cal for a decisión, está destinado a viaxar da Galiza ás estrelas, igual que o resto de deportistas da súa xeración.

Comentarios