O eco universal das mulleres científicas

Marie Curie non foi a única muller que revolucionou a ciencia moderna coas súas achegas. A física polaca, gañadora de dous Nobel, é o rostro máis recoñecíbel dunha longa listaxe de figuras pioneiras. Hoxe as novas científicas reivindican o seu legado e loitan pola igualdade na carreira investigadora.

 

Beatriz Blanco, Lara García e Silvia García. (Foto: Xeración Alfa e Pixi Arnoso)
Beatriz Blanco, Lara García e Silvia García. (Foto: Xeración Alfa e Pixi Arnoso)

As portas das universidades europeas estiveron fechadas para as mulleres até mediados do século XIX. En 1867, a Universidade de Zúrich (Suíza) foi a primeira institución que permitiu o acceso de alumnas con carácter oficial e sen ningún tipo de permiso adicional. Daquela, factores como a vaga revolucionaria de 1848, a emerxencia da Revolución Industrial e o fortalecemento progresivo do feminismo ilustrado contribuíron significativamente a xerar un clima de apertura no Vello Continente. A incorporación da poboación feminina á educación superior foi o primeiro paso dunha complexa transformación social. Comezaron a despuntar mentes brillantes que até ese momento permaneceran silenciadas pola férrea oposición da sociedade patriarcal. Porén, esas figuras non foron recoñecidas até moito tempo despois.

Na actualidade, a situación é ben diferente. Os libros de texto de colexios e institutos da Galiza recoñecen nas súas páxinas os descubrimentos de físicas, matemáticas, enxeñeiras, informáticas e moitas outras científicas nas súas respectivas disciplinas. As denominadas carreiras STEM (polas súas siglas en inglés, Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) avanzaron nos últimos anos en cuestión de igualdade de xénero entre o seu alumnado. Non obstante, aínda prevalecen barreiras invisíbeis que ralentizan a carreira das mulleres STEM.

Silvia García é investigadora no grupo de Tecnoloxías da Información do centro AtlanTTic da Universidade de Vigo. Estudou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da mesma institución, onde hoxe traballa como profesora. Durante o seu paso pola facultade sempre se sentiu integrada polos seus compañeiros, a maior parte deles homes. Aínda lembra que nun dos últimos cursos non puido cubrir unha das enquisas de satisfacción que realiza anualmente o profesorado, porque ela era a única alumna na especialidade de Telemática. “Se marcaba o xénero, a miña valoración xa non era anónima”, di, con retranca. A ausencia de mulleres nas escolas de enxeñaría é unha realidade patente nas estatísticas. Na Galiza, das 5.680 persoas que estiveron matriculadas en titulacións de enxeñaría no curso 2023-24, só 1.700 eran mulleres (menos do 30%), segundo os datos do Ministerio de Universidades.

A fenda de xénero que existe nas formacións técnicas afecta tamén o mercado laboral. “En Telecomunicacións non é común que unha muller lidere un proxecto de transferencia ou unha iniciativa europea”, admite García. Desde a súa perspectiva, non é un “rexeitamento”, senón unha “sorpresa”, unha reacción que neste caso tamén é negativa: “Se nos sorprende que unha muller lidere equipos de traballo é un mal exemplo para as novas xeracións”. Ese desequilibrio entre enxeñeiros e enxeñeiras non impediu que esta investigadora de 33 anos lograse o Premio da Fundación Vodafone ao mellor Traballo Fin de Mestrado en 2017 e, cinco anos máis tarde, o Premio Extraordinario de Doutoramento da Uvigo. “Os recoñecementos permiten lograr certo grao de popularidade e iso abre as portas a colaborar con outras investigadoras”, reflexiona a experta en Telecomunicacións.

Unha das principais manifestacións da fenda de xénero que aínda prevalece nas profesións STEM é o denominado “teito de cristal”. O concepto foi acuñado en 1978 por Marilyn Loden, unha reputada escritora estadounidense, para denominar as barreiras sociais que obstrúen o acceso de mulleres a postos de responsabilidade ou de mando. Para Lara García, graduada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que traballa como investigadora no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular (CiMUS), a fenda de xénero agrávase nas etapas máis avanzadas da carreira científica. “Hai moitas máis mulleres nos períodos iniciais da investigación que nos puntos máis altos”, denuncia.

Unha fiestra cara ao futuro

A comunidade científica coincide en que, ademais das desigualdades de xénero, outro dos problemas máis urxentes é o da falta de investimento na ciencia. Beatriz Blanco, graduada en Enxeñaría Civil pola USC, traballa como investigadora na área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial no Campus Terra de Lugo e opina que os recursos que se destinan á investigación son insuficientes: “Fai falla máis financiamento a todos os niveis e tamén que se aposte tamén por pequenos proxectos”. Lara García coincide en que “debería haber máis apoio para a ciencia”. Esta farmacéutica da USC fixo o seu doutorado fóra, nos Países Baixos, na Universidade de Groningen. Agora acaba de regresar dunha estadía en Suecia, onde permaneceu dous anos. “Se comparo o que puiden ver fóra co que vexo aquí hai moita diferenza”, sinala. Por outro lado, Silvia García opina que na Universidade de Vigo si que hai vontade por apoiar a ciencia, mais recoñece que se podería facer máis: “Sorpréndeme que a UVigo ten unhas axudas posdoutorais que non existen noutros territorios”.

Figuras inspiradoras  

Como en calquera outra profesión, a vocación é un elemento indispensábel. Mais, ás veces, a vocación non se manifesta de xeito inmediato. As referentes xogan un papel fundamental á hora de promover unha determinada área do coñecemento entre as novas xeracións. Esas fontes de inspiración poden ser mesmo familiares, como lle ocorreu a Silvia García. “No meu caso, tanto a miña mestra de Física, Alicia, como a miña nai foron dous exemplos do que podemos conseguir as mulleres na ciencia”, relata. Para Beatriz Blanco, a súa nai, que era matemática, tamén xogou un papel moi importante á hora de descubrir a súa vocación. Cando ten que pensar nunha referente que marcara a súa visión do mundo, Lara García non dubida, Lise Meitner. “Para min é unha referente no campo da radioactividade, foi quen descubriu a fisión nuclear aínda que ela non levou o Nobel”. O Nobel levouno o seu amigo e compañeiro de investigación Otto Hahn. A historia de Lise Meitner ilustra como a sociedade acalou durante moito tempo o talento e, sobre todo, o eco universal das mulleres científicas.

Comentarios