Xuventudes Socialistas reclama un Comité Nacional extraordinario fronte “á demolición mediática e a control remoto do PSdeG”
De non se convocar este órgano iniciarán unha recollida de sinaturas.
As Xuventudes Socialistas pide á Dirección do PSdeG que convoque un Comité Nacional extraordinario no que tratar as acusacións e denuncias que estes días afectan o Partido Socialista.” Seguimos defendendo que a mellor maneira de frear o ruído, de dar explicacións transparentes e non estar pendentes da prensa amarela, é a través dun Comité Nacional”, indican.
XXSS, a través dun comunicado da súa Comisión Executiva, condenan os presuntos casos de acoso laboral en Barbadás e de acoso sexual de José Tomé. “Toda a empatía da militancia coas vítimas”, engaden, ao tempo que falan de “exceso de información cruzada” e “mala xestión comunicativa”.
As mocidades do PSdeG afirman estar “preocupados” ante o “ruído constante da última semana”, que consideran que xera “o que parece unha demolición mediática e a control remoto do PSdeG”.
Consideran que a Dirección Nacional do partido ten dereito a defender a súa xestión ante estes casos así como o “deber” de responder a dúbidas e asumir responsabilidades. E que para iso o Comité Nacional extraordinario é o foro máis adecuado.
“Temos que debater dentro do partido o que aconteceu e como evitar que volva pasar”, afirman no comunicado. “A resposta non pode ser o cainismo caníbal de sempre”, engaden.
Xuventudes Socialistas pide “estar á altura das circunstancias” e apuntan que, de non convocar a Dirección ese Consello Nacional, iniciarán unh recollida de sinaturas entre integrantes da directiva para acadar o terzo necesario para convocalo.
