Acrecéntase a fenda no PSdeG: "Úsase a violencia machista para gañar batallas internas e Vigo ten a última palabra"
A crise do PSdeG acrecéntase. Fronte ao manifesto crítico coa xestión de José Ramón Gómez Besteiro, xurdiu este martes un comunicado próximo á dirección que circula polas canles internas do partido e que advirte, en relación ás acusacións de acoso sexual, que “alguén debe mandar parar xa, desde Madrid ou desde Vigo”, ao considerar que se trata dunha "batalla política".
“Isto xa non é unha crise puntual: é unha operación que pode matar o PSdeG”, recolle o comunicado interno impulsado por persoas próximas a Besteiro ao que tivo acceso Nós Diario e que insiste en que “o que está a pasar no PSdeG é gravísimo”.
Encabezado co lema “Emerxencia feminista PSdeG”, o comunicado, que foi difundido sen asinar o mesmo día en que se coñeceu a denuncia por un presunto caso de acoso laboral contra o alcalde de Barbadás -o socialista Xosé Carlos Valcárcel-, alerta de “sectores que están utilizando a violencia machista e o acoso sexual como ferramenta para gañar batallas de poder internas”, algo que consideran “eticamente repugnante e politicamente irresponsábel”.
"Destrución acelerada do partido"
Asegúrase que se están a utilizar “denuncias, filtracións e relatos parciais para pagar facturas pola perda de poder en primarias provinciais e na secretaría xeral”, cun resultado “devastador”: “a indefensión para as vítimas, inxurias públicas contra persoas sen garantías, engano á militancia e destrución acelerada do partido”.
Sectores próximos a Besteiro, que na tarde do martes comparecía publicamente para defender a xestión da dirección que encabeza, consideran que existe unha corrente interna no seo do partido que ten como obxectivo tomar o control do PSdeG. O manifesto pon no albo o aparato da Coruña e chega a citar nomes como do deputado provincial e portavoz do PSOE en Paradela Iván Castro, a ex deputada Laura Seara, o ex portavoz parlamentario, Gonzalo Caballero, e o concelleiro na Coruña José Manuel Lage.
"Non é feminismo, é oportunismo"
O texto acusa os anteriormente citados como “responsábeis políticos dun movemento de revancha a calquera prezo” e sinala que resulta “especialmente vergoñento” que “haxa socialistas galegas participando nisto”. “Utilizar a violencia machista para gañar posicións internas debería ser denunciábel tamén no plano político e ético. Isto non é feminismo: é oportunismo puro”.
Advirte este comunicado do “dano colateral” ao Goberno estatal encabezado por Pedro Sánchez e conclúe salientando que “alguén debe mandar parar xa, desde Madrid ou desde Vigo”, entendendo que “isto xa non é unha crise puntual: é unha operación que pode matar o PSdeG”.
Coa ollada posta na decisión que adopten Carmela Silva e Abel Caballero
“Vigo”, en alusión ao sector liderado pola senadora Carmela Silva e o alcalde, Abel Caballero, “terá a última palabra: ou frea esta deriva ou decide ser cómplice silencioso dunha estratexia que deixará o partido arrasado”. Finaliza o texto afirmando que o que se agocha tras as filtracións é “ambición, cargos e poder”. “Se isto continúa, non haberá vencedores. Só ruínas”.
O manifesto difundiuse en canles internas do PSdeG dous días despois de coñecerse o posicionamento de seis alcaldesas -entre elas a coruñesa Inés Rei- e ducias de mulleres socialistas para apoiar a dimitida responsábel de Igualdade, Silvia Fraga, por mor da xestión do casó Tomé. Un pronunciamento que non deixar de gañar adhesións, como as dos ex presidentes da Xunta da Galiza Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe.
Novo manifesto, desta vez do PSdeG de Lugo
Por outra parte, na tarde do martes coñeceuse un novo manifesto difundido por diferentes militantes da agrupación local socialista de Lugo baixo o título "Declaración de principios feministas das socialistas e dos socialistas lucenses". Á fronte desta iniciativa está María Jesús Navarro, histórica figura do socialismo, que conseguiu o apoio dunha gran parte de concelleiros e concelleiras do Concello de Lugo, entre os que se atopan Mauricio Repetto, Ángeles Novo, Waldir Sinisterra ou María Reigosa.
Até o momento rexistráronse máis dun centenar de firmas de militantes, moitos dos cales tamén asinaron o manifesto promovido por mulleres socialistas como a alcaldesa da Coruña, Inés Rei.
"O silencio tamén é violencia", explica María Jesús Navarro que quere mostrar con esta iniciativa "un apoio claro ás mulleres vítimas destes acosos, respectando sempre a presunción de inocencia", así como manifestar a súa "repulsa" a este tipo, esixindo "firmeza" contra este tipo de condutas.
Xustifican a redacción deste novo manifesto ao asegurar que "Lugo é o epicentro desta situación" e que deben ser os lucenses os que sexan "claros" na "crítica", cun "toque máis persoal". Engade a socialista que ambos os manifestos son complementarios e este novo serve de reforzo ao anterior, polo que poden asinarse os dous ou un deles. "Estamos a dar liberdade para escoller", dixo.
No texto, as socialistas lamentan que algunhas militantes puidesen percibir a organización como "unha contorna insegura ou cómplice de actitudes machistas", unha realidade que consideran inaceptábel e que esixe unha reflexión profunda para corrixir erros e recuperar a confianza de todas as mulleres.
Ademais, exixen que a xustiza actúe con contundencia fronte a posíbeis abusos de poder, garantindo tanto os dereitos das vítimas como a presunción de inocencia. Reclaman coñecer toda a verdade sobre os feitos e sobre como se xestionaron as denuncias, "sen silencios nin verdades a medias", e piden que se asuman as responsabilidades políticas que correspondan, máis aló dos tempos xudiciais.
A reacción de Abel Caballero
Preguntado por Europa Press, o alcalde vigués, Abel Caballero, sinalou o martes que a dirección do PSdeG "equivocouse" na xestión das denuncias por acoso sexual contra Tomé por reaccionar, ao seu ver, "tarde". Porén, eludiu pronunciarse sobre se o liderado de Besteiro está ou non en cuestión.
Así, Caballero considera que foi un "erro" non comunicarlle a situación á responsábel de Igualdade do partido, Silvia Fraga, "unha persoa dunha enorme sensibilidade e traxectoria feminista" unha vez que a cúpula tivo coñecemento das acusacións. "Arrancaron tarde publicamente, non se seguiron os protocolos, que era dicilo rapidamente aos que tiñan que tomar decisións", afirmou.
Sobre o manifesto asinado, entre outras rexedoras, pola coruñesa Inés Rei, dixo que é un documento "ben feito", pero que el se adhire á carta publicada pola presidenta do PSdeG e tenente de alcalde de Vigo, a senadora Carmela Silva, nun xornal vigués. Así, considera que cómpre ter "uns protocolos claros, buscar unha forma distinta de actuar e facer con rapidez e moitísima transparencia".
En relación a Besteiro, puxo de manifesto que "non sei que está a suceder no ámbito orgánico, non sei se hai cuestionamento neste momento". Recoñeceu que, se o houbese, "sen ningunha dúbida, Vigo terá algo que dicir, como o terá que dicir toda Galiza".

